A.C. Amado Lar celebrará 40 anos de historia cun reencontro aberto a antigas e antigos membros

AMariñaXa
O acto terá lugar o 31 de agosto no marco da XXXV Mostra Folclórica e reunirá a persoas que formaron parte do grupo ao longo destas catro décadas
valadouro-amado-lar
9 Aug 2025

A Asociación Cultural Amado Lar cumprirá este ano catro décadas de traxectoria e quere festexalo cunha homenaxe moi especial: un acto conxunto no que se convoca a todas aquelas persoas que tocaron, bailaron ou cantaron nalgunha etapa dentro do colectivo.

A celebración está prevista para o domingo 31 de agosto, coincidindo coa XXXV edición da Mostra Folclórica, un dos eventos máis emblemáticos organizados pola entidade. “Gustaríanos que fose unha xornada de reencontro, na que poidamos reunir á xente que fixo posible a historia de Amado Lar”, sinalan desde a organización.

Con ese obxectivo, a entidade anima a antigos e actuais integrantes a sumarse ao grupo de WhatsApp creado para facilitar a coordinación e ofrecer máis información sobre o desenvolvemento do evento. A través desa canle comunicarán horarios, ensaios e demais detalles da xornada.

Desde a asociación destacan que o acto busca recoñecer o legado colectivo dunha entidade que, desde 1985, promove a cultura tradicional a través da música, o baile e a convivencia interxeracional.

“Amado Lar é máis ca unha asociación: é unha familia que leva 40 anos compartindo tradición, valores e comunidade”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.11590099334717