A borrasca Karlotta deixa bastantes incidencias na comarca
O temporal de vento que chegou a Península Ibérica á Mariña, ou tamén chamado borrasca Karlotta, deixou bastantes incidencias na comarca. Así, ademais das habituais caídas de árbores ou chapas de tellados, producíronse tres incendios forestais en Xove, Mondoñedo e Trabada.
Todas estas caídas de árbores fixeron que no Vicedo estean sen luz desde ás 9.00 horas e en Ourol unha hora despois. Así mesmo, pasado o medio día, Ribadeo perdía o subministro eléctrico.
En Burela a borrasca provocou que chapas dalgún tellado saísen voando e en Foz arrancou parte do tellado da Sala Bahía onde hoxe ía celebrarse a Cea de Comadres, un dos actos do Entroido. Así e mentres non se executen tarefas de reparación, a sala quedará inutilizada. Nas instalacións do Club San Ciprián tamén fixo grandes destrozos.
O alcalde, Dani Vega, explicou que “estivemos en todo momento en contacto con Viesgo, pendentes do que estaba a acontecer. Finalmente tras tres horas e media sen luz o servizo quedou restablecido en Ribadeo”. E engadiu: “sabemos as importantes molestias causadas á poboación, pero o temporal de vento foi moi forte en toda esta zona”.
Segundo datos oficiais "nestes momentos só quedan 4.000 clientes sen subministración, principalmente nas zonas de Trabada, Xove, San Cibrao, Cedeiras e Boimente".
"Fíxose un gran esforzo para solucionar canto antes as distintas incidencias provocadas polos fortísimos ventos e seguirase traballando para recuperar o servizo canto antes", engadiron.
A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no municipio de Trabada, parroquia homónima, quedou estabilizado ás 19.06 horas desta tarde. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 190 hectáreas, parte delas correspondentes ao termo municipal de Ribadeo. Para a súa estabilización mobilizáronse, en conxunto, 1 técnico, 14 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas e 1 pa.
O Ges de Cervo foi quen acudiu aos concellos de Xove e Cervo a sofocar os lumes, que resultou complicado polo forte vento. E os bombeiros de Viveiro trasladáronse ata a estrada N-642 a mover árbores pois caeron na propia estrada, o que imposibilitaba o tránsito.