A Biblioteca Municipal Os Fornos da Pontenova intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia

AMariñaXa
O servizo bibliotecario cumpre cos requisitos normativos e consolídase como axencia municipal de lectura na Casa da Cultura
A-Pontenova-escola-de-musica-e-casa-da-cultura
12 Jan 2026

O Concello da Pontenova vén de dar un paso importante no fortalecemento dos seus servizos culturais coa integración da Biblioteca Municipal Os Fornos na Rede de Bibliotecas de Galicia. A solicitude formal realizouse o pasado 9 de febreiro de 2025 e foi avaliada favorablemente tras a análise técnica da documentación presentada e a inspección das instalacións destinadas ao servizo bibliotecario.

Os servizos técnicos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude comprobaron que o equipamento reúne as condicións esixidas polo Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, que regula a organización e funcionamento das bibliotecas públicas en Galicia. O informe conclúe que o espazo e os recursos dispoñibles permiten a súa integración como axencia municipal de lectura dentro da rede autonómica.

Á vista deste informe, e por proposta do director xeral de Cultura, aprobouse oficialmente a incorporación da Axencia Municipal de Lectura Os Fornos á Rede de Bibliotecas de Galicia, en virtude das competencias recollidas no Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

A resolución favorable queda condicionada á sinatura dun convenio entre as partes, no que se recollerá o compromiso do Concello de prestar un servizo público acorde á normativa vixente, garantindo o acceso á lectura, á información e á promoción cultural, adaptado ás características propias do centro.

A Biblioteca Municipal Os Fornos atópase situada na Casa da Cultura da Pontenova e constitúe un espazo de referencia para a veciñanza, reforzando agora o seu papel como recurso esencial dentro do sistema bibliotecario galego.

⚙ Configurar cookies
0.085596084594727