A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo gaña o XXV Premio María Moliner 2025

A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo vén de ser distinguida co XXV Premio María Moliner 2025, un dos máis prestixiosos recoñecementos do Ministerio de Cultura e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), que premia os mellores proxectos de animación á lectura en concellos de menos de 50.000 habitantes.
O galardón recoñece o programa “Punto de encontro: a Biblioteca II”, unha iniciativa que consolida este espazo como referente cultural e social en Ribadeo, fomentando a lectura, a diversidade lingüística e a participación cidadá.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que “este premio recoñece o traballo profesional e o compromiso do equipo da biblioteca, das entidades colaboradoras e da veciñanza coa dinamización cultural”. Engadiu que “El Viejo Pancho é hoxe un lugar vivo e inclusivo, que promove o acceso á cultura para todas as idades e sectores da poboación”.
Sanjurjo subliñou ademais que o recoñecemento “anímanos a seguir avanzando para consolidar a biblioteca como un punto de encontro fundamental, un espazo que se adianta ás necesidades da cidadanía e promove valores como a igualdade, a inclusión, a cultura científica e a sostibilidade”.
Desde o Concello de Ribadeo felicitan a todas as persoas implicadas neste éxito e reafirman o seu compromiso coa continuidade dun proxecto que “segue reforzando o papel da biblioteca como motor cultural do municipio”.
Precisamente, esta fin de semana, El Viejo Pancho acollerá dúas citas literarias destacadas. Este xoves 7 de novembro, ás 20:00 horas, o escritor Ulises Bértolo presentará o seu novo thriller Exitus. La muerte nunca es el final. E o venres 8, tamén ás 20:00 horas, celebrarase a presentación das obras Flores de sombra e A orillas del Pilcomayo, do autor Federico Mediante Noceda, nun encontro no que participarán o xornalista Martín Fernández Vizoso, o editor Antonio Andina Penabad (Eoditorial) e Ana Martínez Loredo, neta do escritor.