A Biblioteca de Viveiro celebra a lectura con actividades para o Día do Libro e das Letras Galegas

AMariñaXa
O centro organiza tres propostas culturais nos meses de abril e maio dentro do programa Ler conta moito
Tanxugueiras
15 Apr 2025

A Biblioteca de Viveiro vén de anunciar a súa programación cultural para os meses de abril e maio, cun total de tres actividades enmarcadas no proxecto Ler conta moito. O obxectivo é promover a lectura entre públicos de distintas idades coincidindo coas celebracións do Día do Libro e do Día das Letras Galegas.

O primeiro dos eventos terá lugar o sábado 26 de abril ás doce da mañá na sala de exposicións da biblioteca. Trátase do espectáculo A maxia dos libros, unha proposta pensada para público familiar que combina narración e ilusionismo da man de Nami e O Mago da Boina. Esta actuación servirá como homenaxe ao Día do Libro.

Xa no mes de maio, a Biblioteca de Viveiro centrará a súa actividade no Día das Letras Galegas, cunha programación orientada a público infantil e xuvenil. O venres 16 de maio, ás seis da tarde, desenvolverase a actividade Das pandeireteiras de Mens ás Tanxugueiras, unha viaxe musical pola tradición e a innovación do folclore galego. Sete días despois, o venres 23 de maio tamén ás seis da tarde, terá lugar unha sesión de Bibliocanta, pensada para nenos e nenas de entre 3 e 9 anos.

Todas as actividades son de balde, pero é necesario inscribirse previamente, ben de maneira presencial na propia Biblioteca de Viveiro ou chamando ao teléfono 982 570 606. Dende o centro lembran que o aforo é limitado, polo que recomendan reservar con antelación.

⚙ Configurar cookies
0.16638612747192