A Biblioteca de Viveiro acollerá varias actividades ao longo de setembro e outubro
O Concello de Viveiro organiza varias actividades na Biblioteca Pública Municipal ao longo dos meses de setembro e outubro. Esta programación, baixo o nome ‘Ler conta moito’, contará coa presenza da poeta Yolanda Castaño ou do artista Magín Blanco.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, sinala que, cos eventos previstos, o Concello de Viveiro “continúa coa súa aposta por promover a lectura dende a infancia dun xeito lúdico á vez que educativo”. A entrada aos mesmos será, en todos os casos, de balde ata completar aforo, puidéndose reservar prazas acudindo previamente á biblioteca para coller entradas.
A primeira cita deste ciclo de actividades terá lugar este venres 15 de setembro ás 20:00 na sala multiusos do Concello de Viveiro, e está dirixida a un público xuvenil e adulto. Contará como poñente coa escritora compostelá Yolanda Castaño.
O sábado 7 de outubro a propia sala multiusos acollerá ás 12:00 ‘O que levamos nas maletas’, do músico e cantante Magín Blanco, para público a partir de 3 anos.
E ás 12.00 do sábado 14 de outubro na mesma ubicación será a quenda de ‘Contos do mundo: as viaxes de Irene”, a cargo de Solidariedade Internacional de Galicia.