A biblioteca de Ribadeo convoca a fase local do certame de narración e debuxo infantil Letras Galegas 2019
A Biblioteca Municipal El Viejo Pancho de Ribadeo convoca o Certame de Narración e Debuxo Infantil Letras Galegas 2019, na súa fase local.
Neste concurso poden participar todos os nenos e nenas que o desexen con idades comprendidas entre 8 e 16 anos. A modalidade de Narración, con traballos en galego e unha extensión máxima dun folio por unha soa cara, versará sobre A revolución do cambio climático. Na modalidade de Debuxo, estes terán que estar feitos sobre cartolina de tamaño aproximado de DIN A4 (folio), tamén sobre A revolución do cambio climático.
Cada autor/a pode presentar cantos traballos desexe, mecanografiados, escritos a computador ou a man, neste último caso sempre a bolígrafo e nunca a lapis. No reverso de cada traballo irán escritos o nome, apelidos, idade, enderezo, teléfono e colexio do autor ou autora.
Establécense tres categorías: A, ata 8 anos; B, de 9 a 11 anos; e C, de 12 a 16 anos. O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos. O fallo do xurado farase público despois do Día das Letras Galegas. Os premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública de Lugo, co patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
O prazo de presentación de obras rematará o vindeiro 8 de maio, debendo ser entregadas na Biblioteca Municipal. Os traballos premiados pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.
A Biblioteca Pública de Ribadeo súmase, coa temática deste ano, ao rol das bibliotecas como aliadas na consecución da Axenda 2030: Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, e aos seus 17 obxectivos de desenvolvemento sostible, centrándose na educación e sensibilización e na vida de ecosistemas terrestres.