A Biblioteca de Ribadeo acolle un evento sobre o universo Wikimedia

A Biblioteca Pública Municipal de Ribadeo "El Viejo Pancho" será o escenario do evento Soberanía Dixital II: Mundo Wikimedia, comunidade de todos para todos, que se celebrará o vindeiro 21 de febreiro ás 17:30 horas. Esta iniciativa busca achegar ao público ao universo das wikis da familia Wikimedia e fomentar o uso de ferramentas colaborativas e de libre acceso ao coñecemento.
O evento, organizado por amarinha.gal en colaboración con Wikimedia España, forma parte dun ciclo de actividades programadas ao longo de 2025. Para esta ocasión, o Concello de Ribadeo cedeu os locais da biblioteca para o seu desenvolvemento.
A xornada incluirá unha presentación sobre os proxectos Wikimedia, seguida dun coloquio aberto e unha sesión práctica para explorar as posibilidades de Wikipedia, Wikidata e outras plataformas da mesma comunidade.
Como complemento, os asistentes poderán acceder a un fanzine en galego de 8 páxinas en formato A5, que recollerá artigos relacionados cos temas abordados no evento. A portada e a contraportada estarán especialmente dedicadas á Galipedia, a Wikipedia en galego. Ademais, disporase de material promocional para os participantes.
A actividade está aberta a todas as persoas interesadas, cunha única limitación de aforo, e busca fomentar o uso de plataformas colaborativas para a divulgación do coñecemento libre.