A Biblioteca de Ourol pechou o ano 2023 con 210 socios
A Biblioteca Municipal de Ourol pechou o ano 2023 con 210 socios, dándose de alta 33 novos socios e realizouse un total de 1.524 préstamos e renovacións.
A adquisición de novidades editoriais tanto para adultos como para infantil é unha prioridade da biblioteca e neste ano incorporou en total 328 novos libros.
Por outro lado, a biblioteca ofrece ao longo do ano unha serie de actividades tanto para público adulto como para infantil; no ano que rematou realizáronse varios contacontos para nenos e nenas, presentacións de libros, charlas e conferencias como por exemplo o encontro coa actriz Berta Ojea que falou da figura de María Casarés ou a charla impartida pola profesora Isabel Fernández García sobre o seu libro 'Pioneiras de ciencias de Lugo' e que permitiu coñecer a figura de tres ourolesas destacadas en ciencias;. Tamén houbo exposicións como a cedida polo Consello da Cultura Galega 'O soño cubano da emigración galega', ou a exposición de cadros de José Manuel Hermida Blanco, e a ruta indiana na que a biblioteca participa impulsando a recuperación do noso patrimonio cultural.
Ademais a biblioteca ofrece a todas as persoas usuarias unha serie de servizos totalmente gratuítos como son a formalización do carné de socio válido para calquera das bibliotecas municipais da Rede de Bibliotecas de Galicia; o acceso á plataforma do libro electrónico, tanto en galego como en castelán; o acceso a máis de 900.000 títulos e 3.000.000 de exemplares a través do catálogo da Rede; servizo de wifi gratuíto e salas independentes para vídeo-conferencias ou para teletraballo.
Ademais dispoñen do préstamo de libros para infantil e adultos, un buzón de devolución de libros 24 horas, e a renovación dos préstamos desde a casa a través da conta que se facilita no momento de facerse socio.