A Biblioteca de Burela impulsa a creatividade infantil co Concurso de Postais e o Certame de Poesía “Nadal 2025”

A Biblioteca Pública Municipal de Burela vén de poñer en marcha dúas propostas culturais coas que pretende celebrar o Nadal apostando pola creatividade e a participación da mocidade local. Trátase do Concurso de Postais “Nadal 2025” e do Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025”, ambos na súa fase local.
As actividades están dirixidas á infancia e á mocidade do concello, e segundo explicou a concelleira de Cultura, Lina Gómez, “pretenden promover a expresión artística e literaria, así como a participación activa no ámbito cultural do Nadal burelés”.
No caso do Concurso de Postais, poderán participar todos os nenos e nenas en idade escolar. As obras deberán centrarse na temática do Nadal e elaborarse con técnica libre sobre cartolina, cun tamaño aproximado de 15x21 centímetros pechada e 30x21 aberta. O certame contempla tres premios por cada categoría: Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, 3º e 4º de Primaria, e 5º e 6º de Primaria.
Os traballos presentaranse na Biblioteca Municipal sen sinatura, acompañados dun sobre pechado que inclúa os datos da autora ou autor —nome, teléfono, centro escolar, curso e idade—. O prazo permanecerá aberto ata o venres 12 de decembro ás 20:00 horas. Posteriormente, todas as postais estarán expostas ao público na Sala de Arte da Casa da Cultura, entre o 26 de decembro de 2025 e o 30 de xaneiro de 2026.
Pola súa parte, o Certame de Poesía Infantil “Nadal 2025” está destinado a nenos e mozos de ata dezaseis anos, divididos en tres categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 e de 12 a 16. Os poemas deberán versar sobre o Nadal e escribirse en galego, cunha extensión máxima dun folio por unha soa cara, tanto a man (en bolígrafo) como a computador.
Cada participante poderá presentar varios traballos, acompañados dunha folla de datos identificativos que non debe formar parte do propio poema. O prazo de entrega remata o 19 de decembro de 2025, e os textos deberán presentarse tamén na Biblioteca Municipal. Un xurado especializado seleccionará os gañadores, que recibirán un diploma acreditativo e un lote de libros. O fallo farase público no mes de xaneiro de 2026.
Os poemas premiados nesta fase local participarán automaticamente na fase provincial do certame, convocada pola Biblioteca Pública de Lugo coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. A biblioteca lucense publicará un libro conmemorativo anual cos textos galardoados, que pasarán a formar parte do seu fondo literario.
A concelleira Lina Gómez salientou que “estas convocatorias reflicten o compromiso do Concello de Burela coa promoción da lectura, da escrita e das expresións artísticas entre a rapazada”. Engadiu ademais que “supón unha oportunidade para que compartan o seu talento e vexan recoñecido o seu esforzo, fomentando o interese pola literatura e as artes desde idades temperás”.
As bases completas poden consultarse na páxina web do Concello de Burela, e para calquera dúbida, as persoas interesadas poden dirixirse directamente á Biblioteca Pública Municipal.