A Biblioteca de Barreiros celebra un premio María Moliner polo seu labor de fomento da lectura

A Biblioteca de Barreiros vén de recibir unha excelente noticia ao ser distinguida cun dos premios do Concurso de Proxectos de Animación á Lectura María Moliner, convocado polo Ministerio de Cultura e dirixido a municipios de menos de 50.000 habitantes.
A proposta barreirense foi unha das seleccionadas entre centos de candidaturas de todo o Estado, acadando unha dotación económica de 2.777,77 euros. Xunto a Barreiros, outros catro concellos da provincia de Lugo obtiveron tamén este recoñecemento, sumando un total de trece galardóns en toda Galicia.
Desde a Concellería de Dinamización e Participación Veciñal, destacan que este premio “é froito dun traballo continuado, organizado e pensado a longo prazo”. Lembran que nos últimos meses a biblioteca deu un paso importante coa creación do seu primeiro club de lectura, unha iniciativa que —segundo explican— “está a ter unha resposta moi positiva e un éxito notable entre a veciñanza”.
Dani García, concelleiro responsable da área, subliña que “o esforzo está a ser constante e planificado, e esta distinción demostra o bo funcionamento e a excelente coordinación co persoal técnico da biblioteca”. Aproveitou tamén para trasladarlles publicamente a súa noraboa polo labor realizado ao longo do ano.