A Biblioteca de Alfoz continúa co seu Programa de Dinamización con novas propostas e recursos
O Concello de Alfoz rematará neste mes de novembro a substitución dos antigos andeis por novo mobiliario de maior capacidade que fará máis práctica a biblioteca e, ao mesmo tempo, máis luminosa, moderna e acolledora. A renovación do mobiliario levouse a cabo en tres fases, a primeira o ano pasado subvencionada pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a segunda este ano, dentro do Plan Único da Deputación de Lugo dentro da cal tamén se inclúe o cambio de luminarias por led, de menor consumo e a terceira será nuns días, de novo pola Xunta de Galicia.
En novembro tamén comezará o Programa Mochilas Viaxeiras para os nenos e familias da Escola Infantil de Carballido e para os participantes no Programa de Envellecemento Activo do Concello, Activamente. Dúas mochila para a Escola Infantil e catro para os maiores. Nelas levarán en préstamo por períodos de 15 días, libros e revistas así como unha enquisa de opinión co fin de avaliar o funcionamento desta proposta e ter en conta as súas suxerencias para unha mellora continua.
Os martes 23 e 30 de novembro levaranse a cabo dous obradoiros dirixidos aos estudantes de E.S.O., BAC e FP ás 17:00 horas, nos que se deberán anotar previamente no teléfono do Concello 982 558 001 posto que hai prazas limitadas, aínda que se hai moita demanda mirarase de repetir os obradoiros. O primeiro será obradoiro de procura e selección de información en internet para facer traballos e o segundo Obradoiro básico de presentacións. Con eles, preténdese axudar ao alumnado das etapas superiores nos seus estudos, ao igual ca con outras iniciativas da bilbioteca como a compra das lecturas obrigatorias dos distintos centros educativos nos que se atopan matriculados os rapaces e rapazas de Alfoz.
Así mesmo, incorporáronse recentemente novas seccións, unha a biblioteca doada por Pedro Rubal que se irá ampliando no futuro e outra, o Recuncho Violeta, un espazo propio dentro da Biblioteca con xogos, libros para todas as idades e de todo tipo de xénero que se inclúe no Programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres que tamén se irá dotando de novos fondos.
Desde hai case dou anos contan cun Club de lectura, que se mantén en moi boa forma a pesar dos avatares provocados pola pandemia. Un total de 12 membros que se reúnen quincenalmente para disfrutar da lectura, debater sobre un libro e, sobre todo, facer da biblioteca un lugar vivo e dinámico para fomentar a cultura e o pracer de compartir con outros lectores a súa afección.