A beleza comprometida coa natureza protagoniza o XV Certame Fotográfico Cervo Respecta

O poder das imaxes para espertar emocións e promover a reflexión volveu facerse patente no XV Certame Fotográfico Cervo Respecta, unha iniciativa consolidada no calendario cultural do municipio que ten como finalidade destacar a importancia de coidar o medio ambiente a través da arte fotográfica.
Nesta edición, resultou gañadora a fotografía “Banco de Loiba”, de Diego Pérez Dopico, que acadou o primeiro posto cun total de 56 puntos. En segundo lugar situouse “Bolboretas: sementadoras de vida”, de Germán Paleo Navarro, con 47 puntos, e o recoñecemento especial TOP CERVO foi para a obra “Ruínas”, da cervense Consuelo Fra Fernández, que acadou 36 puntos.
En total presentáronse 26 instantáneas que, segundo destacaron desde o Concello de Cervo, “achegan unha mirada sensible e crítica sobre o noso patrimonio natural, ao tempo que invitan á reflexión sobre os retos ecolóxicos que afrontamos como sociedade”.
Desde a organización agradeceron a participación e implicación de todas as persoas concursantes, destacando que este tipo de iniciativas “non só permiten coñecer o seu traballo a través da súa óptica particular, senón tamén descubrir espazos e situacións únicas que, edición tras edición, nos conectan co valor da nosa contorna”.
O certame, que naceu coa vontade de poñer en valor o patrimonio natural do municipio e fomentar unha conciencia máis respectuosa coa natureza, afianza ano tras ano o seu papel como ferramenta de concienciación e divulgación ambiental, a través dunha canle tan expresiva como é a fotografía.
Ademais dos premios principais, o Concello concederá unha mención especial ás persoas participantes da Asociación Saúde Mental A Mariña, en recoñecemento á súa implicación constante e ao seu compromiso coa vida comunitaria. Desde a organización municipal destacan que este colectivo participa de maneira activa en todas as iniciativas promovidas no municipio, demostrando unha vez máis que a inclusión e a colaboración son piares fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e cohesionada.