A banda municipal ofrecerá o seu concerto 'Aquí como en Viena'

LugoXa | AMariñaXa
A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto Aquí como en Viena, este sábado, día 29, ás 21:00 horas no Teatro ribadense.
27 Dec 2018

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto Aquí como en Viena, este sábado, día 29, ás 21:00 horas no Teatro ribadense. A Banda interpretará polcas, valses e outras pezas típicas destas datas, ademais doutros temas, e haberá sorpresas. A entrada é de balde, pero o aforo a este concerto será limitado por seguridade e comodidade dos asistentes.

O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo, David Ballester, explicou que este concerto “sempre acaba desembocando en temas vieneses como polcas e valses e este ano a primeira parte vai ser un conto que se desenvolve en Viena e tocaremos cinco obras, das cales catro serán interpretadas por primeira vez pola Banda Municipal de Música de Ribadeo. Creo que é algo a resaltar, tendo en conta que hai escasamente un mes a Banda xa tivo un concerto no que a gran maioría das obras eran tamén tocadas por primeira vez. Neste concerto, como todos os anos, haberá tamén algunha pequena sorpresa”.

David Ballester subliña: “para min é un dos concertos máis entrañables porque recibimos a todos estes rapaces, a todos estes músicos, que temos fóra traballando e estudando, entón a plantilla da Banda será un pouquiño máis grande que noutras ocasións”.

Ballester quere “invitar á xente que estea aquí pasando estas datas de Nadal a que se achegue polo Teatro o 29 de decembro ás nove da noite. En canto ás entradas, como fixemos outros anos porque é un concerto no que habitualmente, por sorte para nós, se enche o Teatro, entón por seguridade e comodidade para todos imos limitar o aforo ás localidades que ten o Teatro. Polo tanto a xente que se queira achegar terá libre acceso ata que completemos ese límite de aforo”.

0.15010595321655