A Banda Municipal de Ribadeo estreará oito obras no seu concerto de Semana Santa

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Semana Santa o vindeiro mércores 1 de abril na igrexa parroquial de Santa María do Campo, a partir das 20:45 horas. A cita musical contará cun repertorio centrado en marchas procesionais e pezas de temática relixiosa, pensado para acompañar estas datas sinaladas.
O director da formación, David Ballester Martínez, destacou que este concerto presenta unha novidade destacada, xa que “das nove pezas que se van interpretar, oito serán estreadas polos nosos músicos, algo que amosa a boa saúde da banda e o traballo continuo por renovar o repertorio”. Neste sentido, subliñou que a incorporación de novas composicións é unha constante nos concertos da agrupación.
Ballester tamén animou á veciñanza e ás persoas que visiten Ribadeo durante estas datas a asistir ao evento: “Convidamos a todo o público a achegarse e gozar deste concerto nun escenario tan especial”. Ademais, agradeceu a colaboración da Confraría da Semana Santa de Ribadeo e da parroquia para facer posible esta actuación.