A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto
A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá este ano o seu tradicional concerto Aquí como en Viena en dúas sesións, os días 26 e 27 de decembro, ás 20:30 horas, no auditorio Hernán Naval. As dúas actuacións serán con aforo reducido debido ás restricións sanitarias en vigor. O primeiro dos concertos será só para familiares dos músicos e o segundo para o público en xeral e retransmitirase a través de facebook.
O director da Banda, David Ballester, explica que “chegan as datas do Nadal, que é bastante diferente ao habitual, e a Banda Municipal de Música de Ribadeo vai facer o seu tradicional concerto Aquí como en Viena. Vai ser diferente, obviamente pola situación que estamos a vivir e que condiciona a realización do concerto.”
Ballester engade que “dende a asociación Amadores da Música e dende o Concello pensamos que a mellor opción é dividir o concerto en dúas sesións, co cal este ano imos levar a cabo o sábado 26 de decembro ás 20:30 horas no auditorio Hernán Naval unha primeira sesión, que será só para familiares dos músicos, con capacidade limitada. E domingo 27 de decembro ás 20:30 horas celebraremos o concerto para o público en xeral. Debido á situación sanitaria a capacidade vai ser limitada. A apertura de portas será ás oito da tarde e haberá un máximo de dúas entradas por persoa, repartidas en rigoroso orde de chegada, ata completar a capacidade que nos estipulan dende a Xunta.”
O director da Banda manifesta que “o concerto, como sempre, vai ter dúas partes. Tivemos que dividir a banda en dous grupos para poder gardar todas as distancias de seguridade esixidas e poder levar a cabo a actuación coa maior seguridade posible para os músicos. A primeira parte correrá a cargo dos máis mozos da banda, que interpretarán unhas pezas; e a segunda parte, cos máis veteranos, que ofrecerán outras obras típicas deste concerto, como son as polkas e os valses.”
David Ballester comenta tamén: “habitualmente digo que invito a toda a veciñanza a acudir aos concertos, pero neste caso a capacidade vai ser limitada. Dada esa situación o que imos facer, esperemos que nos saia ben, é retransmitir o concerto do domingo 27 por medio da páxina de facebook Fans da banda municipal de música de Ribadeo, para que toda a xente que queira poida seguirnos por esa páxina. É unha situación especial, por iso o facemos desta maneira. Espero que a xente o entenda xa que este concerto é moi concorrido. Ogallá para o ano que vén poidamos celebralo como se merece e como víñamos facendo ata o de agora, que é enchendo de público o auditorio Hernán Naval. Este ano toca facelo así e seguimos adiante coa música da Banda Municipal de Ribadeo.”