A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará dúas pezas no concerto das Letras Galegas
A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreará dúas pezas no concerto das Letras Galegas, que será este venres, 17 de maio, ás 20.30 horas no auditorio municipal Hernán Naval. A entrada é de balde ata completar o aforo. O director da Banda ribadense, David Ballester Martínez, anuncia que a banda, despois do seu concerto de Semana Santa, “segue coa súa programación e a seguinte actuación que temos e o concerto das Letras Galegas, que este ano se dedican a Luísa Villalta, unha persoa que aparte de ser escritora tamén foi violinista”.
Por este motivo, trátase dun concerto “dobremente satisfactorio por dedicalo a unha persoa que escribiu nas letras que todo o mundo coñece e tamén comprendeu as nosas letras musicais”. Sobre o repertorio para esta actuación, “vai ser unha temática completamente galega, con pasodobres galegos, alboradas, muiñeiras”. Neste concerto tocarán dúas pezas novas: a alborada de Celanova e unha muiñeira. “Así que quero invitar a toda a xente que se atope o venres en Ribadeo a que acuda ao auditorio Hernán Naval ás oito e media da tarde para desfrutar do concerto das Letras Galegas”.