A Banda Municipal de Música de Ribadeo encheu de público o auditorio Hernán Naval

AMariñaXa
A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, encheu de público o auditorio Hernán Naval durante o concerto 'Aquí como en Viena,' no que houbo varias bromas.
31 Dec 2023

A Banda Municipal de Música de Ribadeo, dirixida por David Ballester Martínez, encheu de público o auditorio Hernán Naval durante o concerto 'Aquí como en Viena,' no que houbo varias bromas.

A actuación empezou co director só no escenario e comunicándolle ao público que había un problema pois os músicos non apareceran aínda porque estaban tomando uns pinchos e que ía chamalos para que estiveran o antes posible, pero xusto neste momento entraron os compoñentes da Banda acompañados pola música de Feliz Navidad e como se viñeran de festa.

A continuación, interpretaron os temas Mi gran noche, con arranxos de Azael Tormo; Resistiré, arranxada por Miguel Ferré; Fórmula V, con arranxos de Azael Tormo; e Polka party, arranxada por Paul Murtha.

Despois, tocaron Canon Pachelbel, con arranxos de Calvin Custer, peza na que o director tusiu, colleu unha chamada no teléfono e varios músicos puxéronse a facer selfies mentres que os trompetistas miraban un partido de fútbol no móbil, todo iso para facer parodia de cousas que pasan ás veces nos concertos entre os espectadores.

O concerto seguiu coa interpretación da Marcha triunfal de Aida, de Verdi, na que Ballester dirixiu mirando cara ao público para que os asistentes viran as caras e os xestos do director e houbo varias bromas máis.

Logo, a Banda ribadense tocou Destellos del alba, de Ferrer Ferrán, e Orpheus in de onderwereld, de Offenbach con arranxos de Ardenois. A continuación interpretaron dúas pezas, Annen polka, de Strauss arranxada por John Walls; e The Second Waltz, de Dimitri Shostakovich, con arranxos de André Waignein; co acompañamento de bailaríns da Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo, que ademais actuaron no primeiro bis, A orillas del Danubio azul, de Johann Strauss.

E rematou este concerto coa Marcha Radetzky, tamén Johann Strauss, como é tradicional, pero nesta ocasión non foi dirixida por David Ballester senón que no atril puxeron un gato chino, presentado como Yositoko Suena, polo que a Banda interpretou esa peza sen director.

David Ballester destacou que cinco das pezas foron interpretadas por primeira vez pola Banda ribadense nesta actuación, felicitou o ano novo aos asistentes e desexoulles que o 2024 lles traia todo o que desexen.

0.18430590629578