A Banda Municipal de Música de Ribadeo celebrará Santa Cecilia cun concerto dedicado á música de cine

AMariñaXa
A actuación, que terá lugar o sábado 22 de novembro no auditorio Hernán Naval, ofrecerá un repertorio variado con bandas sonoras interpretadas por primeira vez pola formación
concerto-santa-ceclia-ribadeo-1
13 Nov 2025

A Banda Municipal de Música de Ribadeo volverá celebrar o tradicional concerto de Santa Cecilia, patroa dos músicos, cunha proposta chea de ritmo, emoción e lembranzas cinematográficas. A cita será o sábado 22 de novembro, ás 20:30 horas, no auditorio municipal Hernán Naval, e nesta ocasión estará integramente dedicada á música de cine.

O director da formación, David Ballester Martínez, explicou que “despois dun outono intenso, con actuacións en Vidal, Barreiros, Arante e Narón, chega o momento dun dos concertos máis especiais do ano, o de Santa Cecilia”. O responsable da banda avanzou que este 2025 decidiron trasladar ao mes de novembro o concerto temático de bandas sonoras, que tradicionalmente se celebraba no verán. “Quixemos unilo á festividade da patroa, porque é un evento moi querido pola xente e encaixa á perfección co espírito festivo desta data”, engadiu.

Ballester adiantou tamén que o programa incluirá pezas de filmes de distintas épocas e estilos, desde películas de animación ata títulos de acción e aventuras. “Todas as obras, agás unha, serán interpretadas por primeira vez pola nosa banda, o que demostra o excelente momento musical que estamos vivindo. Vai ser un concerto moi dinámico, pensado para todos os públicos: para nenos, pais e avós”, subliñou.

O concerto combinará a interpretación en directo co apoio visual de imaxes das películas, nun formato que o público ribadense xa ten aclamado en anteriores ocasións. “Esa conxunción entre música e cine crea unha atmosfera moi especial, chea de emoción e recordos compartidos”, destacou Ballester, quen invitou “a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio para gozar dunha velada única, que celebra a paixón pola música e o pracer de revivir as bandas sonoras que todos levamos na memoria”.

concerto-santa-ceclia-ribadeo
⚙ Configurar cookies
0.071495056152344