A Banda de Música de Ribadeo ofrece o seu tradicional concerto de Nadal Aquí como en Viena
A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá o seu tradicional concerto de Nadal, titulado Aquí como en Viena, este venres, 29 de decembro, ás 20.30 horas no auditorio Hernán Naval. Nalgunhas das pezas que interpretarán os músicos estarán acompañados no escenario por actuacións de bailaríns da Escola Municipal de Música e Danza ribadense.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester Martínez, anuncia: “chegadas as datas do Nadal non podía faltar o concerto Aquí como en Viena da Banda Municipal de Música de Ribadeo, que terá lugar o venres 29 de decembro ás oito e media da tarde no auditorio Hernán Naval. Nesta ocasión, como é habitual neste concerto, constará de dúas partes: a primeira será un pouco máis festeira; e a segunda, un pouco máis seria, tirando cara ese concerto de Viena, con polkas e valses. Este ano de novo contaremos coa presenza de alumnos e alumnas da Escola de Música e Danza de Ribadeo na parte de danza, dirixidas por María Justo, que nos acompañarán nalgunhas de pezas que imos interpretar”.
David Ballester engade: “esperamos que toda a xente que estea por Ribadeo aproveitando as datas de Nadal se achegue o 29 de decembro ás oito e media da tarde ao auditorio Hernán Naval a pasar un intre agradable xa que nestas festas é un acto importante para nós este concerto Aquí como en Viena. Así que quedan todos convidados a desexámoslles unhas boas festas”.