A Axencia Galega de Doazón invita á cidadanía a doar este mes de xaneiro

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realiza un chamamento xeneralizado á doazón de sangue dos grupos A Positivo e 0 negativo.
14 Xan 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), convida a toda a cidadanía a doar sangue neste primeiro mes do ano, de maneira especial aos doantes 0 Positivo, A Negativo e A positivo, xa que nos últimos días detectouse un aumento das necesidades destes grupos sanguíneos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á colaboración nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Ademais, cómpre  lembrar que os centros sanitarios de Galicia precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para desenvolver de maneira eficaz o seu labor asistencial.

En moitas das tarefas que se realizan a diario nos hospitais galegos son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns.

Así mesmo, as distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

Pódese doar sangue nos locais de doazón existentes nas sete grandes cidades galegas. En Lugo está no HULA, de luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas e martes, mércores e xoves das 08.00 ás 15.00 horas.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue. A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

0.14363813400269