A Autoridade Portuaria prorroga cinco anos a concesión do faro de Illa Pancha

AMariñaXa
Eirobra manterá o uso hostaleiro ata 2030, mentres o colectivo veciñal critica a falta de transparencia
illa-pancha-ribadeo
12 Jul 2025

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou a prórroga da concesión do faro de Illa Pancha á empresa Eirobra, que manterá o uso turístico da instalación como cafetería e hotel ata o ano 2030. A ampliación, que se estende por un período de cinco anos, foi aceptada poucos días antes do vencemento do contrato actual, previsto para o 14 de xullo de 2025.

Segundo explican desde a compañía concesionaria, esta prolongación "xa figuraba no título condicional orixinal" e consideran lóxico que se efectivizase, tendo en conta o investimento realizado para a rehabilitación do inmoble. Lembran tamén que o establecemento abriu as súas portas en decembro de 2018, despois de varios anos de obras, e que a súa actividade se viu interrompida durante a pandemia.

Con todo, a decisión da Autoridade Portuaria volve poñer sobre a mesa as demandas de transparencia e legalidade expresadas pola asociación veciñal Por Nuestro Faro, que leva meses reclamando información sobre o estado da concesión. “Hai catro meses que solicitamos por escrito saber se se pedira esta prórroga e se se vai esixir, dunha vez, unha avaliación de impacto ambiental. É un trámite obrigado por lei que nunca se fixo”, denuncian desde o colectivo.

A entidade critica tamén a pasividade do Concello de Ribadeo, ao que acusan de limitarse a reenviar os correos sen interceder nin facilitar información pública sobre o caso. “A cidadanía ten dereito a saber en que situación está un espazo tan simbólico e protexido como Illa Pancha”, sinalan.

O faro de Illa Pancha, situado na entrada da ría de Ribadeo, conta cun grande valor paisaxístico e ambiental, e o seu uso con fins hostaleiros xerou controversia dende o inicio da concesión en 2015. Con esta prórroga, Eirobra continuará xestionando o espazo durante o que resta da década.

⚙ Configurar cookies
0.17755818367004