A Aula Universitaria da UNED en Foz abre o novo curso cun programa de xornadas informativas

Foz
AMariñaXa
As sesións, gratuítas e abertas á cidadanía, ofrecerán orientación sobre a oferta académica, recursos dispoñibles e vantaxes de estudar na UNED
uned-foz-directora
17 Sep 2025

A Aula Universitaria da UNED en Foz vén de poñer en marcha o curso 2025/2026 cun calendario de encontros pensados para achegar á comunidade a súa oferta académica e os servizos de apoio ao estudantado.

A primeira cita terá lugar o 29 de setembro, en formato presencial nas instalacións da Aula de Foz e tamén con retransmisión en liña. A coordinadora do centro, Marta Muíña Rodríguez, será a encargada de explicar con detalle cuestións como a programación académica, os recursos dispoñibles, as vantaxes de estudar na UNED e o funcionamento do modelo semipresencial. “Queremos que o alumnado saiba como sacar o máximo proveito do noso sistema. A información clara e directa é esencial para mellorar a experiencia universitaria”, destacou Muíña.

Unha segunda sesión está prevista no Centro Asociado da UNED en Lugo, tamén cun formato híbrido. Nesta ocasión tratarase dunha xornada de benvida para estudantes de novo ingreso, que contará coa participación da directora do centro, Ana Belén Traseira, e da coordinadora do COIE, Carmen Gallego López. A actividade enmárcase no Plan de acollida ao novo estudantado.

A concelleira de Educación de Foz, Elena Martínez, subliñou a importancia destas actividades, asegurando que “garanten que toda a comunidade dispoña de información de calidade sobre as oportunidades que ofrece a UNED, unha ferramenta esencial para o futuro”.

As dúas responsables lembran que o prazo de matrícula para o curso 2025/2026 está xa aberto e permanecerá dispoñible ata o 22 de outubro. “É unha ocasión perfecta para todas aquelas persoas que queiran iniciar ou continuar os seus estudos universitarios”, engadiron.

As xornadas son gratuítas e requiren inscrición previa na web da UNED. As persoas interesadas tamén poden obter máis información a través da páxina oficial da universidade ou nos teléfonos 982.133.699 e 604.034.549.

⚙ Configurar cookies
0.089317798614502