A Aula Universitaria da UNED de Foz ofrece un outubro cheo de actividades para toda a veciñanza

Foz
AMariñaXa
Cultura, ecoloxía e lecer combínanse nun programa que inclúe unha ruta turística, unha limpeza de praia e unha actividade infantil de Halloween
Imaxe dunha aula da UNED de Foz
10 Oct 2025

A Aula Universitaria da UNED de Foz prepara un mes de outubro cargado de propostas abertas á cidadanía, nas que se mesturan cultura, natureza e diversión para todas as idades. O obxectivo é fomentar a participación veciñal e reforzar o vínculo coa contorna a través de actividades accesibles e educativas.

O primeiro encontro será o xoves 16 de outubro, de 16:30 a 18:30 horas, coa ruta turística “Foz, sabor a mar”, unha visita guiada pola guía turística local Ana Pena, de Guía tu día. Esta actividade, organizada en colaboración coa Concellería de Turismo, ofrecerá un percorrido polo pasado mariñeiro da vila e permitirá redescubrir a súa identidade costeira, poñendo en valor o patrimonio material e inmaterial de Foz.

A concelleira de Turismo, Katy Navarro, salientou que “esta iniciativa amosa o valor de traballar de forma coordinada entre as diferentes áreas municipais e a Aula Universitaria da UNED. A suma de esforzos permítenos destacar os recursos locais e promover actividades que fortalecen a identidade comunitaria e a participación cidadá”.

O segundo evento será o luns 20 de outubro, cando a Aula Universitaria participará xunto co IES de Foz na limpeza da praia da Rapadoira, dentro da XIV Limpeza Simultánea de Praias promovida pola organización ecoloxista ADEGA. A acción desenvolverase de 12:30 a 13:30 horas e está aberta á participación de toda a veciñanza. O Concello de Foz colaborará proporcionando os materiais necesarios, reafirmando o seu apoio a esta iniciativa ambiental que busca concienciar sobre a protección do litoral.

A programación pecharase o venres 24 de outubro, de 17:00 a 19:00 horas, cunha actividade especial de Halloween dirixida a nenos e nenas a partir dos cinco anos. Trátase dun xogo similar á busca do tesouro, con pistas en inglés e ambientación inspirada nesta popular celebración, pensado para combinar aprendizaxe e diversión.

A concelleira da Aula Universitaria, Elena Martínez, explicou que “estas propostas amosan o papel da Aula da UNED como un espazo vivo de aprendizaxe, cultura e participación. Foz é un lugar privilexiado e queremos que cada veciño e veciña o sinta como tal”.

Pola súa banda, a coordinadora da Aula, Marta Muiña, subliñou que “o traballo conxunto coas diferentes concellerías é a base do funcionamento deste servizo, que pretende ser útil, aberto e próximo á comunidade”.

Ademais, lembran que o prazo de matrícula para o curso 2025/2026 continúa aberto ata o 22 de outubro, e que a información e inscrición poden realizarse tanto na web da UNED como de forma presencial na Aula Universitaria de Foz, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.072817087173462