A Aula Universitaria da UNED de Foz abre a súa matrícula
A Aula Universitaria da UNED de Foz anuncia que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) vén de presentar a nova campaña de apertura de matrícula para o próximo curso académico. Baixo o lema A Universidade que Une, esta iniciativa destaca a importancia da relación interxeracional, a sustentabilidade ambiental e o valor do coñecemento na nosa comunidade.
“A UNED de Lugo e as súas aulas énchese de orgullo ao ser un punto de encontro para estudantes de todas as idades, desde mozos recentemente graduados de secundaria, adultos que buscan continuar a súa formación, séniors que queren ampliar os seus coñecementos ou nenos e nenas gozando dos seus primeiros obradoiros educativos”, explican. A campaña A Universidade que Une subliña como a interacción entre distintas xeracións enriquece o proceso de aprendizaxe, fomentando un intercambio de experiencias e perspectivas que beneficia a todos os membros da comunidade.
A aula universitaria da UNED de Foz “comprométese coa sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente. A universidade implementa prácticas ecolóxicas nas súas instalacións e programas académicos, promovendo unha conciencia ambiental entre os seus estudantes. Esta campaña destaca como a UNED non só ofrece educación de calidade, senón que tamén actúa como un modelo de sustentabilidade. A educación é unha ferramenta poderosa que ten o potencial de transformar vidas e sociedades.
A Universidade que Une pon de relevo o valor do coñecemento e como este contribúe á mellora individual e colectiva. “A UNED ofrece unha ampla variedade de programas académicos que permiten ao estudantado adquirir novas habilidades e coñecementos, preparándoos para enfrontar os desafíos”. O período de matrícula está aberto dende o 4 de xullo ata o 22 de outubro de 2024. Os interesados poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través da páxina web da UNED e asesorarse sobre calquera cuestión na secretaría da UNED Aula Universitaria de Foz, situada no IES de Foz, ou chamando aos teléfonos 982 133 699 e 604 034 549.