A Aula Mentor de Barreiros ofrécelles aos veciños realizar ata un total de 170 cursos
A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, animou aos veciños de Barreiros a aproveitar a oportunidade de mellorar a súa formación que lles brindan o Concello e Goberno co amplo programa de formación que ofrece a Aula Mentor. A subdelegada participou, xunto coa alcaldesa, Ana Ermida, e os concelleiros María Carmen Veiga e Antonio Veiga, na presentación da nova Aula Mentor creada en Barreiros grazas á colaboración entre o Ministerio de Educación e Formación Profesional e o Concello.
Isabel Rodríguez aplaudiu a decisión do Concello por esta iniciativa que lle permite ofrecer aos seus veciños e veciñas a un programa de formación online non regrada para persoas adultas do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Son aproximadamente 2.700 as persoas que poderían acceder a formación a través da nova Aula Mentor. Rodríguez informou de que Barreiros é o segundo concello de comarca, xunto con Burela, que se adhire a este programa no que xa participan nove concellos da provincia de Lugo.
A subdelegada explicou que a Aula Mentor é unha iniciativa promovida polo Ministerio de Educación e Formación Profesional que ofrece formación online non regrada, flexible e con titorización persoalizada. Está destinado a maiores de 18 anos e conta con un catálogo de máis de 170 cursos clasificados por áreas formativas cos que ampliar as competencias persoais e profesionais.
O Ministerio de Educación convoca cada ano axudas a entidades locais destinadas ao mantemento das aulas. O Concello de Barreiros obtivo unha achega de 4.000 euros para a creación da súa Aula Mentor e a colaboración entre as dúas institucións quedou regulada nun convenio asinado o pasado verán.
Ao sumarse a esta iniciativa que funciona en toda España, os veciños e veciñas de Barreiros poden acceder a formación online, tanto desde o seu domicilio como nos ordenadores que poñerá á súa disposición o Concello. En Barreiros, a Aula Mentor vaise poñer en marcha, unha vez formada a persoa responsable do asesoramento e orientación dos alumnos, así como da xestión das matrículas nos distintos cursos.
A través da Aula Mentor pódese obter formación en áreas como informática e internet, ofimática, deseño e autoedición, deseño web, medios audiovisuais, redes e equipos informáticos, instalación e control, programación, educación, emprendedores, saúde, entre outras.
Os cursos teñen validez oficial e unha vez superados obtense un certificado de aproveitamento emitido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional. O custe dos cursos é de 24 euros mensuais e a duración depende do tempo que lle dedique cada estudante, xa que se trata dunha formación a distancia e flexible.
O prazo de matrícula está aberto todo o ano, salvo o mes de agosto, agás os cursos Cisco e os de Formación do Profesorado, para os que hai datas concretas.
INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS NA AULA MENTOR
A Aula Mentor de Barreiros está situada na Estrada da praia. Para ampliar información sobre o seu funcionamento e as inscricións pode consultarse a páxina web do Concello www.concellodebarreiros.gal ou a través do correo electrónico barreiros@aulamentor.es ou no teléfono 666 875 946.