A aula CeMIT de Barreiros afonda na formación dixital coa celebración de exames oficiais da Xunta

Esta semana a aula CeMIT de Barreiros está a ser escenario de dúas probas oficiais convocadas pola Xunta de Galicia para a obtención da certificación galega en competencias dixitais (COMDIX). As convocatorias foron publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 6 de maio, e permitirán ás persoas participantes demostrar o seu nivel de coñecemento no manexo das tecnoloxías da información e da comunicación.
O mércores 18 de xuño tivo lugar o exame correspondente ao nivel básico, mentres que este venres, 20 de xuño, está prevista a realización da proba de nivel intermedio, centrada en habilidades máis avanzadas e prácticas do ámbito dixital.
Desde o Concello de Barreiros subliñan o valor de contar cun espazo como a aula CeMIT, que evita desprazamentos innecesarios e facilita o acceso a formacións recoñecidas: “seguimos ofrecendo oportunidades para que a veciñanza poida mellorar tanto no ámbito persoal como profesional sen saír do noso concello”, destacan desde a administración local. Tamén salientan o labor que se realiza coas persoas que se achegan por primeira vez ás tecnoloxías, así como coa infancia, para a que se empregan ferramentas innovadoras que fomentan o aprendizaxe de xeito creativo e ameno.
A certificación COMDIX, destinada a persoas maiores de 16 anos, acredita oficialmente o grao de dominio das competencias dixitais dunha persoa, tanto no eido persoal coma no social e profesional. Esta titulación toma como referencia o Marco Galego de Competencias Dixitais, en consonancia co estándar europeo DigComp, o que garante a súa validez e recoñecemento a nivel europeo.
A aula CeMIT de Barreiros, situada no Teleclub de San Cosme, acolle tamén a Aula Mentor, un programa do Ministerio de Educación e Formación Profesional que ofrece formación a distancia e flexible a través de internet. Esta iniciativa está dirixida principalmente a persoas adultas e conta cun catálogo de máis de 200 cursos en diferentes áreas.
O centro está recoñecido como aula de referencia dentro da Rede CeMIT (Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica), un distintivo que avala a súa actividade constante en favor da alfabetización dixital e da inclusión no mundo das novas tecnoloxías.
As persoas interesadas poden obter máis información acudindo á propia aula os martes e xoves, de 9:30 a 14:30 horas, ou a través dos canais habituais de comunicación do Concello.