A Asociación Xuvenil Xoldra organiza en Mondoñedo unha xornada festiva como antesala do Festival Breason

AMariñaXa
“As Vésperas” celebraranse este sábado na Praza do Concello con música, sorteos e unha degustación de porco celta
Mondo-deputacion-Breason-2025-presentacion
19 Sep 2025

Mondoñedo vivirá este sábado unha cita especial da man da Asociación Xuvenil Xoldra, que prepara “As Vésperas”, unha xornada lúdica que funcionará como aperitivo do Festival Breason, previsto para os días 7 e 8 de novembro. A actividade conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e promete música en directo, sorteos e unha degustación de produtos elaborados con porco celta.

O deputado provincial de Rural, Daniel García, participou na presentación acompañado por membros da asociación. Alí destacou o labor de Xoldra, lembrando que “non só conseguiron ampliar a programación musical do outono cun festival que xa se consolidou no calendario da mocidade galega, senón que transformaron o Breason nunha oportunidade de encontro e dinamismo local durante todo o ano, con iniciativas coma esta”.

A degustación gastronómica, incluída no programa Un gusto de rural, un rural degusto, servirá para achegar ao público propostas como boliños de zorza con queixo e bao de agulla. Os produtos chegarán da man de Asoporcel e doutros criadores e produtores locais.

Segundo explicou Daniel García, esta acción enmárcase na aposta da asociación por vincular a cultura coa gastronomía, a artesanía e o patrimonio da comarca. “Xoldra leva anos traballando para que o festival sexa tamén unha plataforma que difunda os recursos de Mondoñedo e conecte especialmente coa xente nova”, afirmou.

“As Vésperas” comezarán ás 20.00 horas na Praza do Concello e supoñen o primeiro chanzo dun outono cultural que terá como punto culminante a celebración do Festival Breason no mes de novembro.

⚙ Configurar cookies
0.070263147354126