A asociación veciñal Irmáns Vilar Ponte organiza unha festa de Entroido en Bravos

A parroquia de Bravos, no concello de Ourol, xa quenta motores para celebrar o Entroido 2026 cunha xornada festiva que combinará gastronomía, música e moito ambiente carnavalesco. A cita será o domingo 15 de febreiro e estará organizada pola Asociación de Veciños Irmáns Vilar Ponte, coa colaboración do Concello de Ourol.
O programa arrincará ás 14.00 horas cunha sesión vermú que servirá de antesala ao xantar popular, previsto para as 15.00 horas. No menú non faltará o cocido tradicional, con sopa, xamón cocido, chourizo, costela, garavanzos, patacas e verdura, ademais de sobremesa típica de Entroido, café, chupitos e bebida.
A xornada estará amenizada en todo momento polo Dúo Caramelo, que se encargará de poñer a nota musical tanto durante o xantar como no posterior baile da tarde, prolongando a festa ata ben entrada a xornada. Desde a organización animan a veciñanza e ás persoas asistentes a acudir co seu mellor disfrace e con ganas de gozar dunha celebración pensada para todos os públicos.
As reservas para participar no xantar poderán realizarse ata o 9 de febreiro nos teléfonos facilitados pola organización. A cita promete converter Bravos nun punto de encontro do Entroido na comarca, cun ambiente festivo, boa mesa e música en directo.