A Asociación Veciñal Irmáns Vilar Ponte de Bravos, un punto de encontro entre Ourol e Viveiro

Por Amanda Fernández
No Concello de Ourol, concretamente nunha das súas parroquias, fundouse a Asociación Veciñal Irmáns Vilar Ponte de Bravos no 1989. Conta Carlos Ríos López, actual presidente, que se crearon os estatutos e a primeira asemblea no 1990 xa cos primeiros socios. Así, nace da iniciativa do que fora alcalde de Ourol, Xesús Rubert Méndez. Nese momento xa non exercía como rexedor, pero tiña gran inquedanza por crear unha asociación que velara polos intereses da súa parroquia, de Bravos.
Naceu nese intre sendo un grupo de veciños con ámbito parroquial. A principal labor por aquel entón era demandar e reivindicar melloras para a parroquia, a través desta Asociación Veciñal. Eran melloras que "agora se dan por feito" como o alumeado público, camiños, ou mesmo a ampliación do atrio da Igrexa. "Dependían sempre doutros organismos, estamos falando dos anos 1989-1990, o obxecto da primeira fase foi reivindicar e realizar melloras", afirma o presidente.
Xa máis adiante comezaron a realizar excursións e lémbrase dunha en especial: "Era eu rapaz e foramos á Feira de Silleda, que daquela era toda unha novidade e máis estando tan relacionada co rural".
A AAVV IRMÁNS VILAR PONTE DE BRAVOS ACTUALMENTE
Na actualidade a parroquia de Bravos conta con pouca xente e moita que provén do concello próximo de Viveiro. Agora esta asociación céntrase en realizar propostas de eventos e actividades que dinamicen a vida nesta parroquia, máis aló das propias melloras que realiza o Concello de Ourol.
O seu presidente expón as propostas fixas ano tras ano no calendario. Por exemplo, realizan a finais de xaneiro unha comida anual de caza. "Este ano será en febreiro, en colaboración cos cazadores, a directiva e os colaboradores, facemos comida, tanto para socios como para os que non. Realízase con prezos simbólicos para cubrir gastos, tendo en conta que somos unha asociación sen ánimo de lucro", destaca.
En febreiro chega o Entroido e teñen a súa propia proposta: "O luns de Entroido realizamos á noite un baile con dúo ou trío a partir das 21.00 horas con produtos típicos como o lacón, chourizo, orellas e sobremesa. Así de pe, mentres bailan. O martes, pese a non ser festivo en Ourol, si que é en Viveiro, de onde vén bastante xente. Este ano ademais temos a idea de facer o domingo por primeira vez un cocido ao mediodía con sesión vermú e baile".
Desde a asociación son conscientes de que a poboación é maioritariamente maior e que a xente nova soe vir máis dende Viveiro. Tendo en conta o seu público principal, ao longo do ano contan os luns cunha actividade relacionada co fío, calceta e gancho á que asisten 15 mulleres da parroquia. Tamén sempre dous a días á semana hai ximnasia para maiores, ás tardes, de 19.00 a 21.00 horas.
No calendario tamén teñen as festas patronais na honra ao Patrón Santiago Apóstolo: "Tiñamos outros santos nos que faciamos festa, pero consideramos mellor centrar os nosos esforzos no Patrón aínda que son datas caras. Coincide coas festas veciñas en Celeiro, polo que decidimos non facer días completos. O financiamento consiste en pasar, como antigamente, o cubo para que cada un deixe o que pode, o que se saque das pequenas festas realizadas e a achega de 500 euros do Concello de Ourol". Así, o día 24 de xullo, teñen churrascada popular e festa de noite á que soe acudir bastante xente porque é "de balde ata esgotar existencias". Xa o día propio, 25 de xullo, hai misa solemne e procesión vermú "prolongada que pode ir ata ás catro da tarde".
Destaca tamén outra celebración destacada, a Festa da tortilla, a fin de semana anterior ao domingo de Ramos. E por suposto, non falta a excursión anual de dous días, na que o ano pasado foron a Cantabria.
O MAIOR RETO: TER RELEVO XERACIONAL
"Somos sobre 315 socios na actualidade", apunta Carlos Ríos López, que engade que a cota de socios é simbólica "de 10 euros ao ano para a primeira persoa do núcleo familiar e de cinco euros para calquera dos outros membros da casa que queiran ser socios". Aínda que inicialmente a asociación só era de ámbito parroquial, agora está formada tamén por xente do concello limítrofe de Viveiro, "xeograficamente máis preto ca Ourol en relación a Bravos". Son persoas que teñen conexión coa parroquia, pese a vivir en Viveiro, como é o caso do presidente.
Recoñece que a veciñanza está contenta ante a proposta de iniciativas e que iso se nota especialmente coa xente voluntaria. "Cando hai que facer o churrasco debe haber como 20 persoas colaborando, pero xa cando se fala da directiva... Hai pouca xente que o valore como unha opción", lamenta. No seu caso ten 54 anos e recoñece que o resto de membros tamén teñen esa idade e máis.
Así, o reto principal desta asociación é ter relevo xeracional e que vaia entrando xente máis nova á directiva. "Que chegue xente que aporte novas ideas e se involucre", manifesta o actual presidente. A recompensa? "Resulta moi satisfactorio ver como a xente goza do que organizamos e que se fagan cousas na parroquia onde un naceu", confesa Carlos. Para rematar engade que Bravos se converte así "nun punto de encontro para os veciños e veciñas, sen importar crenzas ou ideoloxías, na que hai unha escoita activa e participación para que non morra a parroquia".