A Asociación Terras de Lourenzá presenta o seu calendario de rutas de sendeirismo para 2026

AMariñaXa
A asociación propón un amplo programa anual con percorridos por Galicia, Asturias e León, combinando natureza, convivencia e divulgación do territorio
sendeirismo-andaina
26 Dec 2025

A Asociación de Sendeirismo Terras de Lourenzá vén de dar a coñecer o seu calendario de rutas para o ano 2026, unha programación que inclúe ao longo de doce meses numerosas saídas por diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades limítrofes, cunha clara aposta pola diversidade paisaxística e o carácter convivencial da actividade.

O calendario arrinca no mes de xaneiro cun percorrido polo Camiño do Cantábrico, entre Banco de Loiba e Ladrido, na provincia da Coruña. En febreiro, a proposta trasládase a Asturias coa Ruta do Estraperlo, mentres que marzo inclúe unha saída polos arredores de Grandas de Salime. Xa en abril, a asociación percorrerá a Ruta Ribeira do Bispo–Miradoiro Augas Caídas, en Mañón.

O mes de maio estará dedicado ao Parque Natural de Redes, tamén en Asturias, e en xuño está prevista unha viaxe de varios días pola comarca leonesa de Babia e Luna. En xullo, os sendeiristas achegaranse á Ruta de Los Molinos, entre Bres e Taramundi, mentres que agosto reservarase para o Día da Asociación, cunha xornada de convivencia que incluirá ruta, comida e xantar de confraternidade.

A programación continuará en setembro cunha saída polos Ancares, no tramo entre Piornedo e Cervantes, e en outubro está prevista a Ruta no Cadramón, en Ferreira do Valadouro. En novembro, Terras de Lourenzá propón a Ruta Veiga do Mandeo, en Aranga, xa para pechar o ano en decembro coa Ruta de Maeloc ata A Pastoriza e coa celebración da asemblea xeral anual de socios, acompañada da tradicional comida de Nadal.

Desde a asociación lembran que o calendario poderá estar suxeito a cambios por causas imprevistas ou por posibles axustes de datas, ao tempo que animan á participación tanto de socios como de persoas interesadas en coñecer o sendeirismo a través dun programa variado e accesible.

⚙ Configurar cookies
0.08459997177124