A asociación Saúde Mental A Mariña organizou varios actos por mor do seu Día Mundial
Explicaron que a “visibilización e a concienciación son fundamentais para acabar co estigma que sofren moitas persoas que padecen enfermidades mentais. Este é un paso básico para abordar, entre outros problemas, o suicidio”.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, así como o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participaron este luns nos actos que organizou a asociación Saúde Mental A Mariña con motivo do Día Mundial da Saúde Mental e que se desenvolveron na sede que o colectivo ten en Cervo.
García Porto felicitou á asociación Saúde Mental A Mariña por promover “un evento tan importante coma este, onde nos xuntamos máis de 200 persoas de diferentes ámbitos para falar de saúde mental, para darlle visibilidade, concienciar e abordar retos neste ámbito esencial”. Tamén felicitou tanto ao equipo directivo e o persoal que traballa na asociación, unhas 40 persoas; como a todas as persoas que son usuarias destes servizos, polo seu “gran labor, que é tan necesario para a nosa sociedade”.
Dende a Deputación de Lugo, explicaron a Deputada, “cremos que a visibilización e a concienciación é fundamental. A necesidade de falar e de romper o silencio é o camiño para acabar co estigma que sofren moitas persoas que padecen enfermidades ou doenzas mentais. Este é un paso básico para abordar, entre outros problemas, o suicidio”. Neste sentido, García Porto referiuse ao dato de que o 3% dos menores de idade tivo pensamentos suicidas o ano pasado. “É necesario poñer o foco na infancia e na xente moza. O coidado e a protección da saúde mental debe facerse dende os primeiros anos, involucrando tanto ós rapaces e rapazas, e ás familias, coma ás comunidades educativas, para que se lle dea a importancia que merece á saúde mental e que se ofreza o mesmo trato que se lle dá a outros aspectos que afectan á nosa saúde”, subliñou García Porto.
“Dende a Deputación, dentro das nosas competencias, establecemos alianzas e colaboracións con entidades e asociacións como a de Saúde Mental A Mariña para avanzar nestes obxectivos. Unha colaboración que forma parte da nosa aposta polas políticas sociais, que son xa unha sinal de identidade da Deputación de Lugo. De feito, dedicámoslle a este tipo de políticas máis dun terzo do presuposto”, indicou a Deputada.
O delegado destacou a importante función da Asociación na xestión de centros de rehabilitación psicosocial co soporte da Xunta, que achegou nos últimos meses 320.000 euros para financiar a súa actividade. A propia sede da entidade, na estrada de Sargadelos, acollerá proximamente o primeiro centro de día da provincia para persoas en situación de dependencia con algunha doenza mental.
Concello de Viveiro
Con motivo desta efeméride, o Concello de Viveiro anuncia que é un dos impulsores do Acordo pola Mellora da Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Galicia. Concretamente, a concelleira de Benestar Social, Victoria Baamonde, participou directamente na elaboración deste acordo, suxerindo medidas como a dotación de persoal especializado na atención primaria ou o reforzo dos equipos de orientación dos centros educativos, con equipos multidisciplinares que atendan as diferentes necesidades.
O obxectivo deste acordo é ofrecer propostas que melloren os servizos socio-sanitarios e educativos que participan no coidado da saúde mental. O documento recolle diferentes medidas, aportadas en numerosas sesións de traballo. O acordo inclúe medidas agrupadas en catro bloques: máis recursos (persoal, unidades, programas…), maior coordinación (para optimizar e compartir recursos), mellor prevención (como enfoque principal) e máis previsión (xestión para o futuro).
Unha xornada completa
A celebración deste ano ten como obxectivo concienciar sobre os problemas de saúde mental, en especial entre a infancia e a xuventude. Arrancou a xornada cunha mesa redonda na que, ademais das autoridades presentes, tamén tiveron voz os usuarios da asociación e as súas familias. Logo, estreouse a obra de teatro O Camiño do Mar e actuou o grupo Acordeonistas da Mariña. A programación rematou coa degustación de produtos e receitas Marexada Show Cooking a cargo dos chefs da asociación provincial de Cociñeiros de Lugo.
Ademais, o presidente do colectivo, Jorge Manchado, leu unha proclama a nivel nacional para este día. Na actualidade, a asociación Saúde Mental A Mariña ten máis de 200 socios colaboradores e 120 usuarios e usuarias dos servizos nos centros de Burela, Ribadeo e Viveiro, tamén na vivenda para vítimas de violencia de xénero, e na Unidade Residencial de Cervo.