A asociación saúde mental A Mariña creará a cestiña dos arrolos como agasallo aos nados ribadenses
A asociación Saúde Mental da Mariña creará a cestiña dos arrolos, que o Concello de Ribadeo lles entregará ás nenas e aos nenos que nacen aquí.
O alcalde, Dani Vega, contou que “hoxe visitamos a asociación Saúde Mental da Mariña. Teñen presenza no noso concello, teñen un local onde están a atender a moitas persoas que necesitan certas prestacións e coidados. Esta asociación Saúde Mental da Mariña cumpre unha función social fundamental”.
O rexedor cre que “desde o Concello de Ribadeo temos que ser agradecidos co traballo que realizan. Eu coñézoos desde hai tempo e cumpren con esa labor social fundamental que debemos saber apreciar desde as institucións, debemos coidar e colaborar con eles”.
Vega subliñou que “por iso imos facer un encargo. Trátase dunha idea novidosa que é a cestiña dos arrolos, esa cestiña que terá produtos para os bebés que nacen e veñen a Ribadeo como poden ser panais, toalliñas, produtos de baño, esa bolsa tan preciosa elaborada pola propia asociación ou libriños para as nenas e os nenos”.
O alcalde dixo que “esa cestiña de abrazo, de acollemento, quere darlle a benvida a moitos nenos e nenas que nacen e veñen a Ribadeo, son acollidos polas súas familias e teñen que sentir tamén o coidado, a atención e o abrazo do Concello de Ribadeo”.
Dani Vega indicou que “tamén imos colaborar este ano incrementando o convenio, esa cantidade orzamentaria que nos lles entregamos a todas as asociacións de Ribadeo. E queremos colaborar con eles incrementando esa partida orzamentaria”.
O rexedor tivo palabras de agradecemento para o traballo que leva a cabo Saúde Mental da Mariña: “agradecemento á labor e ao traballo que realizan e destacar a súa función de entrega e de coidado á persoa”.