A asociación Saúde Mental A Mariña celebra os seus 25 anos cunha gala benéfica

AMariñaXa
A asociación Saúde Mental A Mariña celebrará o vindeiro sábado 18 de maio unha gala benéfica para celebrar os seus 25 anos de vida, baixo o lema “XXV  Anos Comprometidos coa saúde mental”.
gala_asociacion_saude_mental_a_marina
16 Apr 2024

A asociación Saúde Mental A Mariña celebrará o vindeiro sábado 18 de maio unha gala benéfica para celebrar os seus 25 anos de vida, baixo o lema “XXV  Anos Comprometidos coa saúde mental”. O evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos en San Ciprián, a partir das 20.30 horas, foi presentado por Jorge Manchado, presidente da entidade, pola Directora Técnica Xeral de A Mariña, María José Nóvoa, pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e pola familia ao conxunto da Unidade Residencial de Cervo.

Nóvoa quixo agradecer especialmente ao Concello de Cervo a súa colaboración para que esta Gala, na que estamos a depositar tantas ilusións, sexa unha realidade “contribuíndo sempre coa súa sensibilidade a visibilizar a este colectivo e as enfermidades mentais, e a loitar contra un estigma social que aínda se detecta hoxe na nosa sociedade”.

Pola súa banda, Dolores García Caramés quixo poñer en valor o gran traballo que están a desenvolver desde esta Asociación cuxa primeira unidade residencial está ubicada en Cervo, sumándose á mesma unha nova sita na praza do pobo. Deste xeito, medran en recursos para atender de forma integral a aquelas persoas que padecen un Trastorno Mental Severo. “Desde o Concello non podemos máis que poñernos sempre á súa disposición e colaborar en todo o que estea na nosa man, é un orgullo para nós ver como as persoas usuarias forman parte activa da vida de Cervo, contribúen xenerosamente a dinamizar o noso municipio, e se implican e participan en todas cantas actividades se programan”.

Tíckets xa á venda

Tódolos usuarios tamén quixeron animar a toda a xente da Mariña a que participe nesta gala para colaborar co colectivo e así dar visibilidade e integración na comunidade e para a que xa están á venda os tickets nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, Viveiro e Ribadeo, nas dúas Residencias de Cervo, no Restaurante O Noso Lar e na Cafetería Vista Alegre en Burela.

As entradas para adultos teñen un prezo de 35 euros e poderán recollerse ata o 10 de maio. Así mesmo, haberá tícket infantil por 15 euros. Unha parte do custo da cea será destinado integramente ao labor realizado nos distintos dispositivos da Asociación. A cea terá lugar ás 21.30, aínda que se contará con amenización musical dende as 20.30 horas da man do Trío Tapioka.

No transcurso da gala tamén haberá sorteos e máis sorpresas. Dende a Asociación queren convidar a todos os mariñáns a que se unan a esta xuntanza para desfrutar dunha noite divertida, relaxada e en boa compaña e tamén para traballar todos xuntos por romper co estigma que acompaña ás persoas con enfermidade mental e mellorar a súa calidade de vida.

Ademais de poder participar na propia gala, tamén se pode contribuír mediante donativos á Mesa Cero, para aquelas persoas interesadas en colaborar que non poidan asistir. Por outro lado, as empresas e comercios que o desexen, tamén poderán colaborar aportando agasallos que se sortearán ao longo da gala.

0.15622997283936