A asociación San Pedro da Ribeira organiza unha excursión ás Rías Baixas e celebra o Cocido de Saldoira 2026

A Asociación de Veciños San Pedro da Ribeira presenta para o mes de marzo unha dobre proposta que combina turismo e gastronomía. Por unha banda, organiza unha excursión ás Rías Baixas os días 14 e 15 de marzo e, por outra, celebrará o Cocido de Saldoira 2026 o sábado 7 de marzo.
A saída ás Rías Baixas inclúe desprazamento en autocar desde os puntos indicados, aloxamento en hotel en réxime de pensión completa e un completo programa de actividades. Entre as experiencias previstas figura a visita a unha quinta portuguesa, onde os participantes degustarán un menú tradicional con sopa, bacallau, tenreira, sobremesa, café e bebidas, ademais dunha xornada de baile con música en directo. A programación complétase cunha merenda típica de Portugal, cea con queimada galega e unha degustación de produtos tradicionais na zona de Cambados. O prezo da viaxe é de 125 euros para persoas socias e 135 euros para non socias.
Unha semana antes, o 7 de marzo ás 14.00 horas, terá lugar o Cocido de Saldoira 2026, unha cita xa consolidada no calendario da asociación. O menú estará composto por sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, pan, bebida, café e chupo. O custo será de 25 euros para socios, 30 para non socios e 12 euros para nenos e nenas de entre 3 e 9 anos.
Desde a directiva animan á veciñanza a participar en ambas actividades e lembran que as inscricións poden formalizarse no teléfono 619 679 667 ou a través de calquera membro da organización. No caso do cocido, a data límite para anotarse será o mércores 4 de marzo.