A asociación O Vencello organizará unha excursión a Monforte dentro do programa Coñece a túa provincia

AMariñaXa
A saída será o 6 de maio e inclúe visitas culturais; hai 21 prazas dispoñibles para persoas socias
Vencello-Logotipo-verde
8 Mar 2026

A Asociación de Veciños O Vencello, de Burela, participará no programa provincial Coñece a túa provincia cunha viaxe cultural a Monforte de Lemos prevista para o vindeiro 6 de maio. A iniciativa permitirá ás persoas participantes descubrir algúns dos enclaves máis representativos da zona sur da provincia de Lugo nunha xornada de convivencia e patrimonio.

O itinerario contempla a visita ao Museo do Ferrocarril de Galicia ou ao Pazo de Tor, así como un percorrido polo conxunto monumental de San Vicente do Pino. A programación completarase cunha parada no Centro do Viño da Ribeira Sacra e cunha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga, un dos edificios máis singulares da localidade.

Desde a entidade veciñal salientan que esta actividade busca fomentar o coñecemento da riqueza histórica e cultural da provincia, ao tempo que se promove a participación e a convivencia entre as persoas asociadas.

O prazo para inscribirse permanecerá aberto entre o 5 e o 31 de marzo, e as reservas poderán formalizarse por teléfono ou correo electrónico. A organización lembra que o número de prazas é limitado, cun total de 21 dispoñibles, polo que recomenda ás persoas interesadas confirmar asistencia coa maior antelación posible.

0.13390398025513