A Asociación O Castelo pide colaboración veciñal para recuperar a memoria da Festa dos Choferes

A Asociación Cultural e Xuvenil O Castelo, con sede en Alfoz, lanzou un chamamento público á veciñanza e a todas as persoas que participaron ao longo dos anos na tradicional Festa dos Choferes. Coa vista posta no vindeiro ano, cando se conmemorará o 60 aniversario desta cita festiva, a entidade quere recompilar material gráfico e audiovisual que axude a reconstruír a historia da celebración.
“Precisamos da colaboración de todos para recuperar esa memoria colectiva que forma parte da identidade do noso pobo”, explican desde a asociación. O obxectivo é reunir fotografías e vídeos dos primeiros anos da festa, para que poidan ser parte dun arquivo conxunto que se compartirá co público no marco das actividades do aniversario.
As persoas que conserven materiais poden envialos ao correo electrónico da entidade: asociacion.ocastelo@gmail.com. “Cada imaxe e cada gravación son unha peza valiosa que nos axudará a volver vivir os inicios desta festa tan especial”, engaden.
O Castelo anima á veciñanza a participar e lembra que esta iniciativa é unha oportunidade única para manter viva a memoria dunha celebración que marcou xeracións enteiras en Alfoz.