A asociación O Arco da Vella renova a súa dirección tras 45 anos coa elección de Laura Teijeira como nova presidenta

AMariñaXa
Sete mozos e mozas tomarán o relevo de Enrique Penabad nunha etapa marcada pola ilusión, a continuidade e importantes retos culturais
Barreiros-Arco-da-vella-nova-directiva-2025
18 Nov 2025

A asociación O Arco da Vella, de San Miguel, viviu unha das súas asembleas máis significativas en máis de catro décadas de traxectoria. Non se trataba dunha reunión ordinaria: despois de 45 anos, tocaba elixir o relevo de Enrique Penabad, figura clave e presidente desde o nacemento da entidade. A candidatura encabezada por Laura Teijeira Pérez foi a única presentada e resultou elixida por unanimidade, marcando o inicio dunha nova etapa para o colectivo.

Acompañan a Teijeira na nova xunta directiva Xoán Manuel Díaz Branco (vicepresidencia), Patricia López Díaz (tesourería), Xoel Díaz Branco (secretaría), Marta Castrillón Freire (vicesecretaría) e Noelia López López xunto con Hugo Domínguez Barbeito como vogais. A dirección aclara que o reparto de cargos responde aos requisitos legais, mais confían en que a xestión sexa plenamente colexiada, baseada na colaboración e nas decisións compartidas.

A nova presidenta recoñeceu que asumen o cargo “cunha mestura de ilusión e responsabilidade”. Subliñou que O Arco da Vella “é parte de nós tanto como nós parte del”, destacando que non se trata só de música e baile tradicional, senón dun proxecto comunitario que xerou identidade, cohesión e sentimento de pertenza. “Algo tan grande e tan importante non podía perderse”, explicou, lembrando ao tempo que o listón deixado polas anteriores directivas, sempre encabezadas por Quique, “é moi alto”.

A xunta entrante non escatima recoñecementos á figura de Enrique Penabad, destacando o carácter excepcional do seu labor: “É impensable hoxe que alguén lidere un proxecto desde cero, o converta nun referente e o manteña vivo 45 anos despois”. A transición simboliza tamén a chegada dunha xeración que medrou dentro da propia asociación, ata o punto de que algúns aseguran ter acudido aos primeiros ensaios “antes de nacer, no ventre das nosas nais”. Para eles, O Arco da Vella forma parte natural da súa vida, e por iso sentían unha “obriga moral” de garantir a súa continuidade.

Os desafíos que teñen por diante son considerables: unha escola de música e baile con máis de cen alumnos, a organización de citas tan arraigadas como a Cabalgata de Reis, a Foliada, o Festival Infantil e o emblema da entidade, o Festival Internacional do Emigrante, que en 2026 celebrará a súa 43ª edición. Ademais, manter o nivel artístico que converteu o grupo nun referente comarcal e galego esixiralles constancia e traballo, pero aseguran que as ganas e a ilusión equilibran os retos.

Recordaron tamén unha das estrofas do poema de Manuel María que deu nome á asociación:
“O Arco da Vella / de luz feito é. / Resulta un milagro / que siga en pé!”.
E, nunha parroquia de apenas 800 habitantes, manter viva esta entidade durante case medio século semella, efectivamente, un pequeno milagre.

Agora, estes sete mozos e mozas —“un por cada cor do Arco da Vella”— prepáranse para continuar o legado como “os sete guerreiros que a ninguén fan mal”, confiados en que o proxecto seguirá en boas mans e que o arco, o Arco da Vella, continuará sendo “triunfal”.

⚙ Configurar cookies
0.070569038391113