A Asociación O Alto do Cruceiro celebra o seu 20 aniversario co Reencontro's Fest

A Asociación de Festexos O Alto do Cruceiro conmemora o seu 20 aniversario coa organización dunha cea-baile que terá lugar o vindeiro sábado 25 de abril, a partir das 22:00 horas, no pavillón municipal de deportes do Centro Cívico de Xove.
Co obxectivo de revivir vivencias e anécdotas, así como lembrar momentos inesquecibles, a entidade promove este encontro para conectar diferentes xeracións, unindo familias e amizades nun ambiente de alegría e nostalxia.
O menú será elaborado pola Pulpería Mario de Viveiro e estará composto por empanada, polbo á feira, carrilleiras de porco ibérico ao mencía, carrot cake, café e chupito, cun prezo de 40 euros por persoa e pódense anotar ata o 20 de abril.
A velada estará amenizada pola Disco Móbil Conxuro, garantindo música e diversión durante toda a noite.
Os membros da asociación, que tamén integran a comisión de festas encargada da tradicional Festa dos Callos no Alto do Cruceiro, queren facer partícipes deste evento, en primeiro lugar, a todos os veciños e veciñas da parroquia de Xuances, así como á veciñanza de Xove en xeral e a todas aquelas persoas que manteñan algún vínculo coa zona ou que desexen gozar dunha noite especial de boa compañía, recordos e emocións compartidas.