A Asociación de Veciños San Julián de Sante organiza un curso de enxerto

A Asociación de Veciños San Julián de Sante organiza o vindeiro 8 de marzo un curso de enxerto no Teleclub de Sante no marco do seu ciclo de formación enfocado no desenvolvemento e aproveitamento da froita.
Esta xornada formativa, que se desenvolverá en horario de 10.00 a 19.30 horas. está deseñada para ensinar técnicas de enxerto que axuden a mellorar o crecemento e a produtividade das árbores froiteiras.
O curso será impartido por expertos na materia e combinará sesións teóricas con demostracións prácticas, permitindo que os participantes aprendan de maneira aplicada.
Esta formación enmárcase dentro dun ciclo máis amplo que xa contou cun curso de poda e que continuará con sesións sobre apicultura e elaboración de marmeladas. Deste xeito, búscase ofrecer unha formación integral que fomente o coñecemento e o aproveitamento sostible dos recursos naturais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou a relevancia destas iniciativas, que contribúen a dinamizar o concello e a ofrecer novas oportunidades de aprendizaxe para a veciñanza. Ademais, reafirmou o compromiso do Concello de Trabada en seguir apoiando proxectos que impulsen o desenvolvemento rural e a sustentabilidade.
Este curso supón unha nova oportunidade para todas aquelas persoas interesadas en mellorar as súas habilidades no coidado e aproveitamento das árbores froiteiras, contribuíndo ao coñecemento e posta en valor dos recursos naturais da zona.