A Asociación de Veciños de San Román do Vicedo denuncia o abandono do seu local social

AMariñaXa
Acusan ao Concello de ignorar as peticións de mellora e de discriminar á parroquia fronte a outras
mal-estado-local-social-escola-do-vilar-Vicedo-2025
16 Feb 2025

A Asociación de Veciños e Veciñas de San Román do Vicedo critica a falta de resposta do Concello ante a súa solicitude de reparación do local social, a Escola do Vilar, afectado por humidades e un progresivo deterioro nas súas paredes. A entidade lembra que xa en outubro do ano pasado (rexistro 2024-E-RE-492_6_10_2024) puxo en coñecemento do goberno local esta situación, sen que ata o momento se adoptase ningunha medida nin se vexa intención de solucionalo.

O local social, utilizado polas dúas asociacións que coexisten na parroquia, é un espazo esencial para a realización de actividades e eventos que fortalecen a cohesión veciñal. Sen embargo, as súas actuais condicións representan un risco tanto para a infraestrutura como para a saúde das persoas que o empregan.

A maiores, os veciños tamén denunciaron a falta de desbroce da maleza nos arredores do edificio. En diversas ocasións, foron os propios habitantes da parroquia os que tiveron que asumir esta tarefa antes dos eventos.

Desde a asociación critican que o Concello prioriza outras parroquias, tanto no mantemento de edificios sociais como nas tarefas de desbroce previas ás celebracións festivas, deixando de lado San Román do Vicedo. Como exemplo, sinalan o caso da Escola de Cabanas, un local no que, segundo afirman, non se celebraron eventos públicos nos últimos anos pero que conta con instalacións modernas, como módulos de aire acondicionado, aerotermia e paneis solares. Ademais, lamentan que o pasado 3 de setembro, na Xunta de Goberno Local (acta nº18), o Concello aprobou unha mellora dos acabados exteriores da Escola de Cabanas cun investimento de 28.690,81 euros.

Os veciños consideran que esta situación evidencia unha discriminación cara á parroquia, non só en relación ao local social, senón tamén noutras actuacións municipais. Por iso, insisten na súa demanda para que o Concello atenda as súas peticións e non siga relegando San Román do Vicedo a un segundo plano.

0.16917109489441