A asociación de San Pedro de Mor de Alfoz organiza unha excursión a Meira, Castro de Rei e Friol
A asociación de veciños e veciñas de San Pedro de Mor de Alfoz organiza unha excursión a Meira, Castro de Rei e Friol para o domingo 28 de abril. Trátase dunha actividade aberta a todo o mundo. “Sairase dende Alfoz en autobús, facendo a primeira parada na popular feira de Meira. A continuación, visitarase o Museo e Castro de Viladonga, en Castro de Rei, catalogado como Ben de Interese Cultural”, contan dende a organización.
A comida será no restaurante Río Lea, en Castro Ribeiras de Lea. Xa pola tarde haberá unha visita guiada á Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol. Dende a asociación animan a anotarse “para gozar dunha agradable xornada visitando algún dos lugares máis salientables da nosa provincia”.
O prezo da excursión é 25 euros para os socios, 35 euros para os non socios e 15 euros para os nen@s ata os 12 anos. Inclúe a viaxe en autobús, a comida e todas as visitas. As prazas son limitadas con data límite para anotarse o luns 23 de abril. As persoas interesadas poden poñerse en contacto no teléfono 657 109 592.