A Asociación de Pesca Recreativa de Burela celebra o seu terceiro aniversario cun multitudinario cocido

A Asociación de Pesca Recreativa de Burela celebrou este domingo o seu xa tradicional cocido anual, unha cita que volveu contar cunha destacada participación por parte dos socios e socias. O encontro serviu, ademais, para conmemorar o terceiro aniversario da entidade, que continúa medrando ano tras ano tanto en número de integrantes como en actividade.
Desde a súa creación, a asociación incorporou 37 novos socios, consolidándose como un colectivo activo e implicado na defensa dos dereitos dos pescadores recreativos. Ese compromiso quedou reflectido recentemente na presentación de alegacións ao proxecto de Real Decreto que establece novas medidas de xestión dos recursos pesqueiros e que modifica a normativa vixente sobre a pesca marítima de recreo en augas exteriores, regulada polo Real Decreto 347/2011, do 11 de marzo.
O cocido converteuse tamén nun espazo de encontro e convivencia no que a directiva aproveitou para facer balance do camiño percorrido e marcar as liñas de traballo de cara ao novo ano. A asociación inicia agora unha nova etapa na que continuará prestando apoio aos pescadores recreativos, especialmente no relativo á tramitación administrativa e á resolución de cuestións burocráticas necesarias para o desenvolvemento desta actividade de lecer.
Desde a entidade quixeron agradecer de maneira especial a implicación e participación dos seus socios en cada unha das actividades propostas, subliñando que ese respaldo constante é clave para seguir fortalecendo o proxecto e avanzando na defensa dunha pesca recreativa responsable.