A Asociación de Comerciantes da Pontenova incorpórase á Federación de Comercio A Mariña

A Asociación de Comerciantes da Pontenova vén de formalizar a súa incorporación á Federación de Comercio A Mariña (FCAM), un paso que supón un novo impulso para o asociacionismo comercial na comarca e que permitirá reforzar a colaboración entre os distintos colectivos de comerciantes.
Desde a FCAM, a súa presidenta, Carmen Cruzado Iglesias, amosou a súa satisfacción pola chegada da entidade pontenovesa á federación, subliñando que “estamos moi contentas de poder seguir sumando asociacións da Mariña”. Segundo explicou, o crecemento da federación tradúcese nunha maior capacidade de actuación: “cantas máis sexamos, máis iniciativas poderemos poñer en marcha en favor do comercio local e da dinamización dos nosos pobos”.
Cruzado puxo o foco na realidade das asociacións de menor tamaño, como a da Pontenova, que agrupa arredor dunha vintena de negocios. “Son precisamente estes colectivos máis pequenos os que máis precisan do apoio institucional e das axudas económicas das diferentes administracións para poder organizar actividades ao longo do ano”, sinalou, lembrando que moitas destas asociacións “non contan cunha xerencia propia e dependen da colaboración e do traballo conxunto para manterse activas”.
A presidenta da FCAM avanzou tamén que, ao longo deste ano, a federación continuará coa liña de traballo iniciada en exercicios anteriores, promovendo accións e eventos en todas as localidades nas que existen asociacións integradas. “Un dos nosos obxectivos é reactivar colectivos que levan tempo parados e integralos na Federación”, indicou, ao tempo que defendeu o asociacionismo como unha ferramenta clave para garantir a vida comercial, hostaleira, industrial e de servizos nos concellos da Mariña. “Sen comercio non hai pobo, e sen apoio mutuo os negocios acaban desaparecendo”, advertiu.
Pola súa banda, o presidente da Asociación de Comerciantes da Pontenova (ACDP), José Luis Balseiro, valorou de maneira moi positiva a adhesión á FCAM. “Agardamos que esta colaboración nos permita medrar como asociación e ofrecer máis e mellores servizos ás persoas asociadas”, afirmou, destacando a oportunidade que supón formar parte dunha estrutura comarcal máis ampla.