A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental atende a 92 usuarios

TerraChaXa | AMariñaXa
14 Mar 2019

A deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, mantivo un encontro cos usuarios da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, na súa sede de Cervo. Fíxoo para coñecer, de primeira man, as actividades e obradoiros que realiza este colectivo social que atende a 92 usuarios de concellos de toda a comarca da Mariña Lucense, e coa que colabora a Deputación.
A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, conta con tres centros especializados en Cervo, Burela e Ribadeo. En total presta atención de diversa índole a 92 usuarios da comarca e as súas familias. Neste colectivo social, realizan actividades e obradoiros para achegar aos usuarios á arteterapia, os mosaicos ou cerámica e tamén mellorar a psicomotricidade. Ademais, realizan talleres de agricultura ecolóxica e floricultura nos dous invernadoiros financiados polo organismo provincial. Nesta liña, os usuarios aprenden a identificar con formación teórica e práctica as diferentes especies botánicas e aromáticas, así como diversas plantas.
Ademais, a entidade conta con dous pisos tutelados para mulleres que sufriron violencia de xénero e padecen enfermidades mentais. Nesta liña, a Asociación de Axuda ó Enfermo Mental da Mariña, presta tamén atención ás familias, a través de asesoramento e información para que coñezan o que é a enfermidade mental e saiban como tratala.
20 anos de atención a pacientes e familiares
Este colectivo social fundouse no ano 1999 por familias afectadas pola problemática da enfermidade mental e persegue un obxectivo claro: acadar que ós enfermos mentais e as súas familias reciban atención e axuda continuada. Nesta liña, buscan a integración dos mesmos na sociedade e na vida da comunidade, fixando como obxectivo prioritario a súa rehabilitación psicosocial e laboral.

0.20178604125977