A Asociación Cultural O Castelo organiza a Ruta das Penas o 12 de outubro

A Asociación Cultural Xuvenil O Castelo vén de anunciar unha nova proposta de sendeirismo para o domingo 12 de outubro: a Ruta das Penas, unha actividade que contará coa colaboración do Concello de Alfoz. A saída está programada ás 9:00 horas desde a Casa do Concello, cun itinerario de 7,5 quilómetros e nivel moderado.
O percorrido levará ás persoas participantes por enclaves naturais de gran atractivo, como as Penas das Banzas, a Pena Abaladoira ou as Penas da Auga, lugares singulares que destacan pola súa paisaxe e pola forza das súas formacións rochosas.
A organización recomenda acudir con roupa de montaña, botas ou calzado impermeable e chuvasqueiro, xa que o trazado discorre por zonas abertas ao tempo. Ademais, porase a disposición das persoas inscritas un servizo de autobús para facilitar os desprazamentos.
As prazas son limitadas e o prazo para anotarse remata o 9 de outubro. O prezo da actividade será de 8 euros para persoas asociadas e 15 euros para non socias. Como colofón, ao final da andaina serviranse uns aperitivos para compartir un momento de convivencia entre participantes.