A gran familia da A.C Airiños do Xunco de Cervo celebra 50 anos este 2025

Por Amanda Fernández
Coñecemos máis da Asociación Cultural Airiños do Xunco de Cervo dan man do seu presidente, Rafael Blas e a súa filla Raquel Blas, cantareira e profesora.
Cando se creou, por quen e que vos inspirou a crear a Asociación cultural Airiños do Xunco?
A.C. Ariños do Xunco fundouse como tal no ano 1975, pero, xa existía antes un grupo de gaiteiros e bailadores, aos que lles gustaba moito a festa. Foron os que a crearon, no seu momento, pola necesidade de formalizar o grupo e expandir a tradición galega.
Cales foron os maiores retos que tivestes que afrontar nos primeiros pasos?
Os maiores retos aos que se enfrontaron foron a elaboración dos estatutos para poñer en funcionamento a asociación e logo a busca de profesores para que comezaran a dar clase de gaita, baile, pandereta…
De onde lle vén o nome?
O nome creouse polo río que pasa por Cervo, o Río Xunco, e saíu dun día que estaban varios amigos nunha terraza ao carón deste, facía un pouco de aire e un deles, Villarino Leivas, máis coñecido como Pepiño do Cura, dixo “temos que poñerlle Airiños do Xunco á asociación” e dende ese momento. Tamén nesa época a maioría das asociacións comezaban por “Airiños de…” polo que foi sinxela a decisión.
Que actividades realizades na asociación?
As principais actividades que realizamos na asociación actualmente son as clases de baile, canto e pandeireta, tanto para adultos como para nenos e nenas. Tamén a tradicional Queimada Popular de Cervo, declarada de Interés Turístico Galego, a celebración das Letras Galegas, os carnavais, a Cabalgata de Reis ou a Exaltación da Carne de Porco. Así, comezamos xunto con outra asociación do Concello, Cabaleiros da Bidueira, a levar a coñecida Festa do Ovo de Cervo. A actividade máis nova que temos foi a primeira Mostra de Cantareiras/os. Antigamente tamén se facía nos carnavais os Play-blacks e un Festival Internacional de Baile Rexional.
Canta xente forma parte desta asociación?
Non poderíamos dicir un número exacto de xente que forma parte xa que, por exemplo, a xente que participa na Queimada Popular, e non baila nin toca a pandereta, tamén consideramos que forma parte de Airiños do Xunco.
Pero, entre o profesorado, alumnado e directiva estaremos preto das 50 persoas, a parte dos socios que forman parte deste proxecto.
Que próximos eventos ides realizar?
Este ano, Airiños do Xunco celebra o seu 50 aniversario, nada máis e nada menos, polo que, é un ano especial para nós. Estamos pensando varias actividades conmemorando o aniversario para que tanto a xente que está actualmente formando parte como a que nalgún momento estivo, poida disfrutar e celebrar. O que si, podemos avanzar, que pecharemos o ano por todo o alto.
De que maneira pensades que as actividades da asociación contribúen coa veciñanza deste Concello de Cervo a nivel cultural?
Creemos que contribúe nun alto nivel culturalmente á veciñanza, tanto á máis implicada coas nosas actividades ou do resto das asociacións. Estamos promovendo a cultura tradicional galega, moi importante actualmente, para que esta non morra e siga avanzando de xeración en xeración.
Tedes un grupo infantil, hai futuro na música e baile tradicional no municipio?
Calquera momento é bo para expandir a cultura tradicional galega e avance de xeración en xeración como dixemos anteriormente. Dende outubro comezamos de novo a ter un grupo infantil, As Milicrocas. Antigamente tamén existía un grupo infantil pero dende fai anos xa non o tiñamos. Ao comezo, non tiñamos moi claro a aceptación que iba ter, e, sen dúbida foi o maior dos acertos. Hai futuro no municipio, hai futuro da cultura galega e hai futuro nas Milicrocas.
Que significa para as profesoras contribuír a xerar o xerme baseado no noso patrimonio artístico cultural nas novas xeracións?
Significa ter unha gran responsabilidade. Responsabilidade por que estamos a ensinar ás novas xeracións o pasado cultural dos nosos, como no lo ensinaron a nós no seu momento.
Que proxectos ou eventos vos gustaría acadar durante este 2025?
Gustaríanos seguir e afianzar os proxectos que xa temos, que estes non se perdan e velos medrar (máis). Para este 2025 gustaríanos que todos os proxectos que temos en mente sexan moi benvidos por toda a comunidade e saian do papel.
Como se poden sumar máis veciños á asociación ou colaborar con vós?
Para sumarse á asociación só teñen que falar con algún dos integrantes que a conforman e facerse socios. Así de sinxelo. E, para colaborar con nós en calquera dos eventos que facemos, só teñen que achegarse a nós e comunicalo, para colaborar da forma que poida cada un. Toda axuda nas diferentes actividades é benvida, sempre.
Que significa para vós ser parte de Airiños do Xunco? Como definiriades esta asociación en poucas palabras?
Para nós ser parte de Airiños do Xunco significa continuar cun legado, ter compromiso coa conservación e promoción da cultura galega. Significa ser parte dunha comunidade. Así, definiríamos Airiños do Xunco como unha gran familia.