A Asociación Cuiden Maiores denuncia a falta de atención a unha persoa maior no Centro de Saúde de Foz

A Asociación Cuiden Maiores e Coidadores fixo pública a súa denuncia pola situación vivida na tarde do mércores 7 de xaneiro no Centro de Saúde de Foz, un feito que, segundo sinalan, exemplifica un problema estrutural da sanidade pública galega con consecuencias directas sobre a poboación, e de maneira especialmente severa sobre as persoas maiores.
Desde a entidade explican que acompañaron persoalmente a unha persoa de máis de 70 anos que presentaba un cadro de enfermidade aguda con febre, tos, dor e un notable malestar xeral. A pesar do seu estado, a persoa afectada tivo que agardar máis de dúas horas e media sen ser atendida. Finalmente, informáronlle de que non podería recibir asistencia debido a razóns organizativas e ao remate do horario, indicándolle como alternativas desprazarse ao PAC do Hospital da Costa, en Burela, ou regresar ao día seguinte.
Segundo relata a asociación, ningunha destas opcións era viable dadas as condicións físicas da persoa, que se viu obrigada a marchar sen recibir atención sanitaria. Este feito foi comunicado á Xerencia da Área Sanitaria de A Mariña, Lugo e Monforte a través das vías administrativas correspondentes, pero desde Cuiden Maiores decidiron facelo público ao considerar que non se trata dun caso illado, senón dunha situación que se repite con frecuencia.
A asociación considera que este tipo de episodios supoñen unha vulneración do dereito á protección da saúde e á atención sanitaria efectiva, recoñecidos na lexislación vixente, ao deixar persoas enfermas sen asistencia por motivos exclusivamente organizativos. Ao mesmo tempo, queren deixar claro que a súa denuncia non vai dirixida contra os profesionais sanitarios, senón contra a responsabilidade das administracións públicas na planificación, dotación e organización do sistema.
Cuiden Maiores subliña que as persoas maiores, pola súa maior vulnerabilidade física e funcional, sofren con maior intensidade as esperas prolongadas, os desprazamentos nocturnos e a falta de atención efectiva. Por iso, esixen unha revisión urxente dos recursos humanos, dos protocolos de atención e dos mecanismos de protección no acceso á sanidade pública.
“A sanidade pública é un dereito e debe responder cando unha persoa está enferma e non pode máis”, conclúen desde a asociación, insistindo en que non reclaman privilexios, senón o cumprimento dos dereitos básicos da cidadanía.