A Asociación Camiña presenta o proxecto 'Mareas de Diversión en Camiña' este xoves en Burela

AMariñaXa
Trátase dunha iniciativa centrada nos recursos mariños da costa galega, cun enfoque inclusivo e participativo, destinada a fomentar a integración e o desfrute do mar por parte de persoas con diversidade funcional
asociciacion-camina-mareas
22 Oct 2025

A Asociación Camiña celebrará o xoves 23 de outubro, ás 8 da tarde, no Restaurante A Lonxa de Burela, o acto público de presentación das actividades desenvolvidas dentro do proxecto Mareas de Diversión en Camiña.

Trátase dunha iniciativa centrada nos recursos mariños da costa galega, cun enfoque inclusivo e participativo, destinada a fomentar a integración e o desfrute do mar por parte de persoas con diversidade funcional.

Ao longo do verán, a Asociación Camiña —entidade promotora do proxecto— organizou numerosas actividades que permitiron que persoas de diferentes capacidades gozaran do mar nas súas dimensións recreativa, educativa e terapéutica. Entre elas destacaron os encontros con profesionais do mar, xornadas de sensibilización ambiental e talleres sobre economía circular.

As persoas participantes visitaron as lonxas de Burela e Celeiro, o Barco Museo Reina del Carmen, a Asociación de Mariñeiros Xubilados A Moncloa e a base do servizo de Gardacostas da Consellería do Mar, onde puideron coñecer de preto o helicóptero de salvamento Pesca 2.

Tamén descubriron o labor das redeiras Cabo Burela e o proceso artesanal de elaboración de conservas de Faro de Burela. Na praia urbana de Burela celebráronse actividades terapéuticas, sesións de zumba e bautismos de surf coa colaboración do Burela Surf Club.

O proxecto incluíu ademais accións ambientais, como a recollida de refugallos nas praias, que posteriormente foron reutilizados nun obradoiro de artesanía, así como un taller sensorial con materiais mariños e outro gastronómico, no que os máis pequenos elaboraron pratos con produtos do mar.

Mareas de Diversión en Camiña contou co apoio económico do programa FEMPA da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e foi tramitado a través do GALP A Mariña-Ortegal.

Durante o acto presentarase un vídeo resumo elaborado por Arracada Producións, que recolle o desenvolvemento das actividades e as testemuñas do persoal da asociación e das familias participantes.

⚙ Configurar cookies
0.069628953933716