A Asociación Camiña organiza actividades para promover a inclusión e o coidado do medio

A Asociación Camiña continúa a súa aposta pola sensibilización social e polo ocio inclusivo con dúas novas propostas dirixidas á Mariña Lucense. Trátase dunha xornada de limpeza na Praia de Ril, en Burela, e dun obradoiro de artesanía mariña pensado para a infancia.
O primeiro encontro terá lugar o venres 19 de setembro, entre as 17:00 e as 18:00 horas, na Praia de Ril. A actividade está aberta á participación de persoas de todas as idades e persegue o obxectivo de concienciar sobre a importancia de protexer o medio mariño, ao tempo que fomenta unha cidadanía comprometida co respecto ao entorno natural. O prazo de inscrición permanece aberto ata o mércores 17 de setembro.
A segunda proposta desenvolverase o sábado 20 de setembro, entre as 11:00 e as 12:30 horas, nas instalacións da Asociación Camiña. Será un obradoiro de artesanía mariña dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos, co propósito de estimular a súa creatividade a partir da temática mariña. As prazas son limitadas e darase prioridade á participación da infancia con diversidade.
Con estas iniciativas, a entidade reafirma o seu compromiso coa inclusión social, coa posta en valor do medio e co achegamento ao sector marítimo-pesqueiro, creando espazos que favorecen a aprendizaxe compartida e o encontro interxeracional.
As accións contan co apoio económico das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), dentro do marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura 2021-2027.